Cara a cara #481: Paula Cons dirixe 'O meu ilustrísimo amigo'
Mér | 17:00 | 17:07
O fogoso intercambio epistolar que Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós mantiveron lévase estes días ao cinema. A produtora galega Agallas Films e a canaria Jugoplastika están en plena rodaxe contando coa dirección de Paula Cons Varela. A primeira semana desenvolveuse en emprazamentos de Madrid e estes días continúan no arquipélago canario.
"Unha película absolutamente contemporánea, aínda que estea ambientada entre 1887 e 1889, porque creo que todos os conflitos que viven e como os viven, a paixón, a sexualidade, faise absolutamente contemporáneo e mesmo un exemplo para os homes e mulleres de hoxe en día", explica Paula Cons. A actriz galega Lucía Veiga interpreta a Pardo Bazán, mentres que o actor canario Paco Déniz dá a réplica a Pérez Galdós. Conta con colaboración da TVG así como da televisión pública e institucións canarias. Agarda promocionar 'O meu ilustrísimo amigo' en 2025.