A responsabilidade dos homes e o negacionismo no foco da campaña do 25N en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O Barómetro Juventud y Género 2021 do Centro Reina Sofía sinala que un de cada cinco varóns de entre 15 e 29 anos considera que a violencia de xénero é un invento ideolóxico. Alertar deste crecente negacionismo que se está a estender entre os mozos e da relación existente entre o consumo de pornografía e prostitución coas violencias sexuais entre a mocidade, e apelar á responsabilidade dos homes para acabar coas violencias machistas, son algunhas das ideas nas que se centra a campaña impulsada pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra co gallo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Baixo o lema 'Depende de ti, depende de nós', a campaña incidirá na obriga moral dos varóns de implicarse na loita contra o acoso, a humillación, o control, a violación... E de deixar de xustificar, escusar e rirlle as grazas aos colegas machistas.
A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, asegurou que "a violencia de xénero é un problema estrutural no que os homes non son os únicos culpables. Todo o conxunto da poboación, de forma cultural, é partícipe no día a día, aceptando comportamentos no seo da familia ou en contornos próximos, que en moitas ocasións rematan no máximo expoñente da violencia machista: o maltrato físico por parte dun home a unha muller. Con esta campaña, que se traducirá nunha potente proposta gráfica que daremos a coñecer nos vindeiros días, pretendemos sinalar non só ao home que maltrata como culpable, senón tamén ao resto da poboación como cómplices. A responsabilidade de paralo antes de que chegue a ser algo tanxible ou irreversible é de todos".
Deste xeito definiu a concelleira de Igualdade o espírito do intenso programa de actividades deseñado arredor do 25N, que foi presentado esta mañá pola socialista nun acto no que estivo acompañada pola directora do CIM, Rosa Campos; axente de Igualdade Mercedes Renda, e as coordinadoras do obradoiro Namórate de Ti, Patricia Maquieira e Tegra Gómez.
A programación comezou este mesmo martes coa recepción institucional, por parte da edil de Igualdade, á activista salvadoreña Bea Salazar, que se atopa en Pontevedra para dar a coñecer a grave situación que se está a vivir no seu país.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES 25 NOVEMBRO 2022
Obradoiro Namórate de Ti (1º andar do CIM), un obradoiro de autoestima e empoderamento dirixido a mulleres que ten por obxectivo que tódalas participantes aprendan a quererse e valorarse utilizando a imaxe e a fotografía como ferramenta. Este taller gratuíto terá lugar no primeiro andar do edificio do CIM os días 26 e 27 de outubro e 2 e 3 de novembro en horario de 10:00 a 13:00 horas. As interesadas en participar poden inscribirse no teléfono do CIM 986 864 825 ou enviando un correo electrónico a igualdade@pontevedra.eu.
Dirixido principalmente a mulleres en situación de vulnerabilidade (desempregadas ou inactivas, vítimas de violencia de xénero ou en perigo de exclusión social, con responsabilidades familiares non compartidas, con discapacidade, etc.), ao longo de catro xornadas, as orientadoras Tegra Gómez e Patricia Maquieira guiarán ás participantes para reforzar a súa autoestima e o autoconcepto que teñen de si mesmas, ao tempo que fomentarán a súa unión social e a cooperación grupal, a través da expresión corporal, verbal e escrita, incluíndo dinámicas de grupo, vídeos motivacionais e sesións fotográficas da posta en escena das mulleres.
O obradoiro Namórate de Ti terá o seu colofón, como en edicións anteriores, cunha exposición fotográfica en diversos comercios de Pontevedra a partir do 21 de novembro.
Os Faladoiros Feministas desenvolveranse na Casa das Campás entre as 19:00 a 20:30 horas en colaboración coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Terán carácter presencial ata completar aforo (recoméndase reserva) e emitiranse a través da páxina web de Igualdade e das redes sociais do Concello. Tres conversas que abordarán a violencia contra as mulleres desde diferentes frontes e que serán presentadas pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco.
Así, o 26 de outubro, Antía Toimil Iglesias, de Fademur (Federación de Asociacións de Mulleres Rurais), e Laura Robledo Sánchez, de Acadar (Asociación De Mulleres Con Discapacidade de Galicia), falarán sobre como a violencia de xénero afecta de xeito particular nestes colectivos especialmente vulnerables. Moderará a xornalista Montse Fajardo.
O 9 de novembro falarán sobre o papel da educación sexual na prevención primaria das violencias machistas e moi especialmente da violencia sexual na mocidade. Con Chis Oliveira e Amada Traba, docentes e expertas en educación emocional e afectivo-sexual na mocidade e coautoras de 'Ám@me. Pensar o amor no século XXI', e Llerena Perozo Porteiro, comunicadora especialista en igualdade e escritora do 'Manual sobre sexualidade' editado polo Concello de Pontevedra. O acto dará inicio coa presentación do 2º Estudo sobre Educación e Hábitos Sexuais na Adolescencia realizado no IES A Xunqueira I durante o curso 2021/2022, a cargo dun dos autores, o sexólogo Manuel Varela Salgado. Moderará a xornalista Silvia Vieito.
O 26 de novembro haberá un faladoiro sobre a mercantilización e a explotación sexual como violencia extrema contra as mulleres (pornografía e prostitución), con Lorena Añón Loureiro e unha representante da asociación Faraxa, pola abolición da prostitución. Moderará a xornalista Diana López Varela.
O luns 14 de novembro terá lugar a presentación da campaña gráfica deste ano co despregue dunha pancarta no balcón da Casa da Luz. A campaña gráfica, que apela ao papel dos homes fronte á violencia machista, vai estar nas rúas do concello e en edificios públicos e centros sociais das parroquias. Distribuiranse bolsas 'tote bag' nas actividades que se fagan e nos centros municipais.
Para o mércores 16 de novembro está programado un cinefórum e coloquio sobre o documental 'Onde máis doe' no Teatro Principal ás 20:00 horas: Un documental cinematográfico de Xamalú Filmes, con guión e dirección de Manane Rodríguez, que supón un achegamento a unha das pólas da violencia machista, a violencia vicaria, que coincide no título co lema empregado na campaña do Concello de Pontevedra do 2021. Despois de proxectarse o filme haberá un coloquio coa directora, Manane Rodríguez, a xornalista Montse Fajardo e a directora do CIM, Rosa Campos. Entrada libre ata completar aforo.
O xoves 17 de novembro en horario de mañá será o acto de entrega do Premio Ernestina Otero Sestelo 2022 no Teatro Principal. Coa actuación da contacontos Tareixa Alonso, de Pavís Pavós.
Para o sábado 19 de novembro, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, está convocado un Obradoiro de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas. Monitorado por especialistas da Federación Galega de Loita pertencentes á Policía Nacional, é un curso de 8 horas, en sesión de mañá e tarde, que terá lugar na Casa Azul (Sala Almofrei). A inscrición farase a través da plataforma Participa da páxina web do Concello. Este curso xa se fixo con grande éxito en anos anteriores.
O luns 21 de novembro terá lugar a lectura do Manifesto do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres no Pleno Municipal, cuxa redacción correrá este ano a cargo da xornalista e escritora Montse Fajardo.
O mércores 23 de novembro, haberá un pase da obra de teatro 'Cariño' para institutos de Pontevedra no Teatro Principal. Grial Montes encarna a Sara, unha muller cun pasado de violencia dentro dunha relación que narra a súa historia afastándose do vitimismo e facendo autocrítica. Esta é unha peza de teatro documental que realiza unha viaxe para cuestionar os referentes actuais do amor romántico, os celos e a posesión dentro dunha parella adolescente. Diego Chamizo encárgase da dirección e dramaturxia da peza, que está baseada no relato Sara, da nova edición do libro Invisibles, de Montse Fajardo. Participarán no coloquio final co público asistente a actriz, Grial Montes, e a xornalista e autora de Invisibles, Montse Fajardo.
Por último, o venres 25 de novembro, ás 11:00 horas, terá lugar o acto da campaña Mulleres en Acción, Violencia Zero, organizado pola Deputación en colaboración co Concello. Este ano está previsto que se faga no vestíbulo do Pazo Provincial. Durante o acto lerase o Manifesto redactado por Montse Fajardo. Desde a Concellería de Igualdade tamén se respaldarán as concentracións e manifestacións convocados polo movemento feminista, respectando o protagonismo dos colectivos.
Relacionadas:
-
Un informe amosa que as mulleres cobran máis e solicitan menos permisos que os homes entre o persoal municipal
Por Redacción |
-
Concentración ante a Audiencia o mércores para rexeitar o asasinato machista de Baiona
Por Natalia Puga |
-
25N | A Deputación considera "máis necesario que nunca" sensibilizar fronte ás violencias machistas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Pontevedra chama a "deconstruír tanta masculinidade tóxica" e a non poñer escusas ante a desigualdade
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O 25N chega a Caldas con obradoiros para previr a violencia machista dende idades temperás
Por Redacción |
-
Extensa programación polo 25-N co lema 'Fronte ao negacionismo. Alianzas desde o feminismo'
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A narración oral retorna a Pontevedra da man dos ‘Contos de inverno’
Por Redacción |
-
'Gritos', de Alba 'Fada', relato gañador do concurso escolar contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
Lanza pedras contra un bar, resulta agredida e deteñen á súa exparella por incumprir una orde de afastamento
Por Oskar Viéitez |
-
Fiscalía pide oito anos de prisión para un pontevedrés que violou nun bosque a unha amiga menor de idade
Por Oskar Viéitez |