A narración oral retorna a Pontevedra da man dos ‘Contos de inverno’
Por Redacción
Dirixido a poñer en valor a literatura de transmisión oral como unha parte do patrimonio inmaterial galego, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra e a concellería de Promoción Económica impulsaron no 2021 Contos de inverno, un ciclo de contacontos dirixido a un público adulto que retorna nas próximas semanas con catro sesións na Casa das Campás, dedicadas a historias e contos que forman parte da tradición galega.
A segunda edición deste ciclo de narración oral arrinca o mércores 16 co espectáculo "De aló de onde eu veño", de Caxoto. Ao día seguinte, Brais das Hortas presentará "Contos de defuntos (e outros asuntos)", mentres que o mércores 30 de novembro participará Cris de Caldas con "Dona Emilia e a señora Carme: dúas señoras de conto". Péchase esta actividade o 1 de decembro con "Lavandeiras", do dúo Rilo & Penadique.
“Desde a Vicerreitoría queremos contribuír á preservación da tradición oral”, salienta o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, que incide no interesante dunha proposta cultural “destinada tanto á comunidade universitaria como o público en xeral”. Con catro sesións programadas para as 20.30 horas con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
Cunha ampla experiencia no eido escénico, ben sexa a través da música, do baile tradicional e do teatro como da narración oral, Felipe Díaz, Caxoto, será o encargado de abrir este ciclo o mércores 16 con "De aló de onde eu veño". Presentado como “unha viaxe ás raíces con mirada retranqueira de quen comeza xa a estar un pouco de volta de todo”.
Ao día seguinte, o músico, narrador oral e clown Brais da Hortas presentará na Casa das Campás "Contos de defuntos (e outros asuntos)", un conxunto de historias sobre a Santa Compaña, aparicións, visións e outra serie de fenómenos “que rodean a vida e a morte en Galicia”.
Dúas semanas despois, o ciclo continúa o mércores 30 coa narradora e bibliotecaria Cris de Caldas e "Dona Emilia e a señora Carme: dúas mulleres de conto", espectáculo articulado en torno ás figuras da súa avoa Carmela e de Emilia Pardo Bázan, no que esta narradora mestura “contos tradicionais, historias de vida reais e versións moi persoais de Pardo Bazán”.
Contos de Inverno péchase o xoves 1 de decembro cun dos primeiros espectáculos para o público adulto da compañía creada en 2017 pola narradora e educadora Vero Rilo e a cantareira e gaiteira Sonsoles Penadique. Trátase de "Lavandeiras", unha proposta que ten como punto de partida o patrimonio oral ligado ás lavandeiras en Galicia.
Relacionadas:
-
'Contos de Inverno', a aposta da UVigo pola narración oral para adultos
Por Redacción |
-
Un proxecto para converter contedores en albergues accesibles gaña o primeiro premio In-Teams
Por Redacción |
-
A responsabilidade dos homes e o negacionismo no foco da campaña do 25N en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O urbanismo pontevedrés gaña protagonismo nas últimas xornadas da Placemaking Week
Por Redacción |
-
O campus dá a benvida ao seu alumnado 'sénior', 80 estudantes de máis de 55 anos
Por Redacción |