O campus dá a benvida ao seu alumnado 'sénior', 80 estudantes de máis de 55 anos
Por Redacción
O campus de Pontevedra da Universidade de Vigo deu este xoves a benvida ao seu alumnado de maior idade, o que estuda na institución académica dentro do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo, pensado para persoas maiores de 55 anos.
Segundo a información facilitada polo DUVI (Diario da Universidade), esta proposta formativa contará neste curso 2022/2023 con preto de 80 alumnos e alumnas no campus pontevedrés.
Co obxectivo de presentarlles os diferentes servizos que a institución académica pon á súa disposición, a Vicerreitoría do campus na Casa das Campás acolleu un acto de benvida e a vicereitora, Eva Lantarón, destacou que este alumnado é "Universidade en estado puro" porque están no campus "convencidos de que queredes ampliar a vosa formación, de que o voso desexo é continuar na Universidade".
Unha das novas alumnas deste ciclo, Ángela Villar, recoñece que, tras xubilarse buscaba "facer algo que me permita seguir exercitando a mente e ocupar un pouco o tempo".
Ana Santos, alumna matriculada por primeira vez tras rematar a súa etapa como profesora de Educación Física coa xubilación, destaca que este ciclo "é moi motivador, porque estás con estudantes de 18 ou 19 anos e ti es unha alumna máis".
O prazo de matrícula pecha o 30 de setembro para as persoas que continúan estudos no ciclo intensivo do programa, o deseñado especificamente para este colectivo, no que hai xa 61 persoas matriculadas, 12 estudantes de novo ingreso.
Ademais, hai 16 alumnos e alumnas do ciclo integrado, no que o alumnado sénior cursa materias de diferentes titulacións xunto cos estudantes de grao.
Integrado por catro cursos, o programa intensivo do PUM ofrece en Pontevedra, a posibilidade de cursar 42 materias de diferentes ámbitos, deseñadas especificamente para este colectivo e que se imparten nas diferentes facultades e escolas do campus, como explicou Acuña.
Como unha das principais novidades no presente curso, o ciclo oferta por primeira vez unha materia na Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á Universidade, na que participarán diferentes docentes do centro.
Relacionadas:
-
Comeza no campus o programa de apoio ao emprendemento sénior para evitar a discriminación por idade
Por Redacción |
-
A narración oral retorna a Pontevedra da man dos ‘Contos de inverno’
Por Redacción |
-
89 estudantes sénior fórmanse este curso no Programa Universitario para Maiores do campus de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Xunta e Universidade comprométense a seguir fortalecendo o campus pontevedrés
Por Redacción |