Un informe amosa que as mulleres cobran máis e solicitan menos permisos que os homes entre o persoal municipal
Por Redacción
Anabel Gulías, portavoz do goberno local do Concello de Pontevedra, ofrecía un avanzce dos resultados dun informe externo para a elaboración do novo Plan de Igualdade, que se terá que elaborar durante os tres meses seguintes á constitución da nova corporación municipal, despois das eleccións do 28M.
No documento obsérvase que as mulleres pertencentes ao persoal municipal son, de media as que realizan máis accións formativas, as que obteñen unha retribución maior e as que menos permisos ou licenzas solicitan, segundo os datos obtidos ao longo do ano 2021.
A representante municipal explicou que este informe permite coñecer a estrutura e os datos necesarios para avaliar a situación do persoal en materia de igualdade. Estes datos serán enviados ás mesas de negociación e ás comisións pertinentes para que a diagnose final sexa participada, segundo explicou Gulías, para elaborar un primeiro borrador que evolucionará ata a creación do Plan de Igualdade.
Actualmente o persoal municipal está integrado por 554 persoas, 213 son mulleres e 341, homes; o que supón unha porcentaxe do 38,4% e dun 61,6%, dentro do rango marcado pola lei. Anabel Gulías explicou que a diferenza se atopa, sobre todo, nalgunhas áreas de traballo como Bombeiros ou brigadas nas que non figuran mulleres.
No aspecto formativo, as mulleres cursan máis accións formativas que os homes, sendo un 37% fronte a un 31%.
En canto a retribucións económicas, a media salarial tamén favorece ás mulleres ao obter uns 95,84 euros/día de media fronte ao 88,76 dos homes. "Felizmente neste Concello os postos de traballo con maior responsabilidade e maior nivel retributivo están ocupados por mulleres", indicou a concelleira ao analizar estes datos.
En relación coas licenzas e permisos, as mulleres solicitantes configuran unha 44% fronte ao 61% dos homes. Tamén se observa un balance na mesma liña en canto a incapacidades temporais, avanzou Gulías, que expuxo que se trata de datos exemplares e superiores ao resto de administracións diagnosticadas.
En todo caso, Anabel Gulías matizou que "na miña humilde opinión, aínda temos moito camiño por andar as mulleres para igualar estes datos". Os datos colgaranse no portal de trasparencia do Concello de Pontevedra.
Relacionadas:
-
A responsabilidade dos homes e o negacionismo no foco da campaña do 25N en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra empeza a traballar no seu quinto Plan de Igualdade, que se aprobará en marzo do 2023
Por Redacción |
-
Aprobada en pleno a modificación do cadro de persoal do Concello entre os apupos de representantes sindicais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |