Pontevedra empeza a traballar no seu quinto Plan de Igualdade, que se aprobará en marzo do 2023
Por Redacción
A firma especializada en iniciativas da muller e programas sociais Avalia vén de poñer en marcha a elaboración do quinto Plan de Igualdade do Concello de Pontevedra, un documento estratéxico que servirá de marco de actuación en materia de igualdade de oportunidades de mulleres e homes no municipio e que permitirá implantar medidas dirixidas a eliminar as desigualdades existentes e a facilitar a promoción da igualdade de trato, así como a previr e suprimir as violencias machistas.
A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, agarda que a empresa poida entregar o borrador definitivo do plan nun prazo de nove meses, "de xeito que estea listo para aprobarse xa en marzo de 2023".
"Este documento traducirase nun conxunto de estratexias que rexerán as políticas de igualdade do Concello, constituíndose como instrumento de cambio social, na medida en que pretende incidir nas estruturas sociais que perpetúan os roles tradicionalmente asignados a mulleres e homes, alicerce da desigualdade de xénero", sinalou Blanco.
A elaboración do Plan de Igualdade desenvolverase a través dun proceso metodolóxico participativo que contemple os resultados extraídos da avaliación do cuarto Plan de Políticas de Xénero, o diagnóstico sobre a situación de mulleres e homes do municipio e as achegas froito da participación activa do persoal do Concello e axentes sociais e comunitarios do contorno.
Entre as estratexias metodolóxicas que se seguirán no seu deseño contémplase a necesidade de construír procesos participativos que poidan permanecer estables ao longo de todo o período de vixencia do mesmo, a implicación dos servizos específicos do Concello en materia de xénero, así como reunións periódicas de traballo e supervisión entre as persoas coordinadoras do proxecto e a responsable da elaboración do mesmo.
O proceso de elaboración do Plan de Igualdade realizarase en varias fases.
A primeira centrarase na avaliación do IV Plan de Políticas de Xénero do Concello de Pontevedra 2019-2022. Este Plan está estruturado en catro áreas estratéxicas de intervención: Participación e Acceso á Información e aos Recursos; Área de Promoción da Igualdade entre Mulleres e Homes; Área de Saúde, Sexualidade e Xénero e Área de Abordaxe Integral da Violencia de Xénero. Destas áreas despréndense oito obxectivos estratéxicos e 27 accións a desenvolver coa finalidade de promover as condicións básicas para acadar a plena participación das mulleres nos diversos ámbitos da vida.
A segunda fase ocuparase da actualización do diagnóstico sociodemográfico de Mulleres e Homes do Concello de Pontevedra desde a perspectiva de xénero, que consistirá nun estudo, eminentemente cuantitativo e elaborado especificamente para o deseño do plan, que permita coñecer a estrutura do territorio a nivel sociodemográfico e que visibilice os desequilibrios de xénero existentes, analizando as diferentes situacións e condicións de vida de mulleres e homes resultado das discriminacións de xénero, e as consecuencias que para as súas vidas ten.
A partir deste estudo poderanse esbozar necesidades, problemas, centros de interese e oportunidades de mellora de mulleres e homes de forma diferencial, aplicando a perspectiva de xénero ao desempeño dos roles produtivos, reprodutivos e comunitarios.
A terceira fase estará relacionada co deseño e elaboración do quinto Plan de Igualdade, coa elaboración do documento propio de intervención. Aquí plasmaranse as liñas de traballo e ámbitos de actuación; os obxectivos, as medidas a desenvolver, as áreas municipais implicadas, os e as axentes clave a intervir, a cronoloxía e os indicadores. Será o documento definitivo de intervención municipal en materia de igualdade.
Haberá unha cuarta fase dirixida ao seguimento e avaliación para coñecer o grao de implantación do Plan, mentres que coa avaliación poderanse tomar decisións sobre os axustes e reaxustes necesarios.
Relacionadas:
-
Un informe amosa que as mulleres cobran máis e solicitan menos permisos que os homes entre o persoal municipal
Por Redacción |
-
Preocupación nas autoridades polo aumento de casos de violencia machista en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Aprobada en pleno a modificación do cadro de persoal do Concello entre os apupos de representantes sindicais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Aberta a convocatoria para solicitar axudas destinadas a asociacións de mulleres
Por Redacción |