Ethel Vázquez admite que se estudan fórmulas para reutilizar augas da depuradora de Praceres en ENCE
Por Redacción
A Xunta de Galicia e Ence traballan conxuntamente para buscar alternativas que permitan que a fábrica pasteira reutilice a auga da depuradora de Praceres para incorporala á súa produción. Así o explicaba este martes a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao indicar que a vertedura efluente da depuradora "cumpre cos parámetros de vertedura con creces" e o problema para a súa utilización xérase ao tratarse de auga con alta condutividade e salinidade.
Para a súa reutilización, explicou a conselleira na delegación da Xunta en Pontevedra, hai que estudar a eliminación da salinidade, que tería que efectuarse a través dun proceso industrial que debe ultimar Ence.
Ethel Vázquez lembrou que a empresa pasteira deberá garantir o caudal ecolóxico do río Lérez para retomar a actividade produtiva da fábrica en Lourizán, que leva parada desde mediados de xullo deste 2022 cando se adoptaron medidas ante o baixo caudal da conca que abastece aos municipios de Pontevedra, Marín, Bueu, Poio e Sanxenxo. A representante da Xunta indicou que a decisión de reactivarse depende da empresa en relación ao consumo que queira efectuar.
Sinalou que a pasteira pode comezar de maneira progresiva e non iniciar a produción ao 100%. "O que impoñemos é igual a calquera actividade sexa industrial ou forestal, que é o cumprimento do caudal ecolóxico". En todo caso, lembrou, que calquera industria ten que realizar a súa programación de reinicio de actividade, de maneira programada, faseada ou esperando a obter as garantías para a reutilización da auga, pero desde o organismo da conca manterán o control para evitar que o ríos poida secarse.
A conselleira insistiu en que as alternativas pasan por estar enfocadas á reutilización das augas residuais, aspecto no que garantiu a plena colaboración por parte da Xunta. "Hai que compatibilizar o recurso hidráulico coa reutilización das augas residuais", afirmou.
SENSIBILIZACIÓN DO CONSUMO DE AUGA
Desde a administración autonómica lembran que o 1 de outubro finalizou o ano hidrolóxico 2021-22 e trátase dun dos máis secos da serie histórica desde que hai rexistros. Os datos mostran, segundo Vázquez, que a seca presenta episodios cíclicos recorrentes e o nivel tanto dos ríos como dos encoros foi dos máis baixos na época de verán.
Ethel Vázquez: "Temos que continuar con medidas de contención, de aforro e de sensibilización de consumo responsable da auga"
Por este motivo advertiu aos concellos, administracións e cidadanía en xeral que é necesario afacerse a este tipo de episodios e prepararse con "medidas de contención e aforro, a nova cultura da auga". Sinalou que a conca do Lérez se atopa en seca prolongada desde febreiro e mantén o estado de prealerta por seca prolongada e escaseza da auga ao estar comprometido o abastecemento.
Adiantou que esta semana na nova reunión da Oficina da seca, todo apunta a que se manterá a situación de prealerta pero non se agravará grazas as chuvias de setembro, circunstancia que "non significa que podamos baixar a garda. Temos que continuar con medidas de contención, de aforro e de sensibilización de consumo responsable da auga. Non imos empeorar pero tampouco imos mellorar".
En canto á posibilidade de aumentar as presas no Lérez, como apuntaban desde o goberno local de Pontevedra, a conselleira insistiu en que a creación de encoros augas arriba "só dá para cinco días" e, por tanto, é unha "alternativa inviable". Convidou a que os concellos que se abastecen do Lérez cheguen a un acordo e establezan un interlocutor para estudar as infraestruturas que consideren necesarias. "Nós estaremos aí para axudar e colaborar nese sentido", avanzou explicando que "hai que prepararse para as situacións recorrrentes e cíclicas" provocadas pola seca.
ENCE, Á ESPERA
O persoal de Ence aínda se mantén en ERTE á espera de que se poida retomar a produción. Manuel Rivas, presidente do comité de fábrica da factoría, afirmaba durante a manifestación do venres 30 a PontevedraViva que os traballadores agardan incorporarse en quince ou vinte días para recuperar a actividade e poñer en marcha toda a maquinaria.
Con todo, mostraba a súa preocupación porque "dependemos do tempo" e da auga do río. "Estamos en outubro e ten que chover pero non ten moita pinta. Esperemos que chova", explicaba Rivas co obxectivo posto en que todo o persoal da empresa pasteira abandone a situación actual derivada do expediente temporal de regulación de emprego
Relacionadas:
-
Novas actuacións para evitar focos de ruído na depuradora dos Praceres
Por Redacción |
-
O plantel de Ence volve aos seus postos de traballo para producir, en probas, con augas da depuradora
Por Redacción |
-
ENCE permanece sen actividade industrial pola rotura da tubaxe de abastecemento de auga
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Pontevedra mostra o seu plan de acción para renaturalizar a contorna dos ríos e loitar contra a emerxencia climática
Por Manu Otero |
-
O Lérez necesita as chuvias habituais do outono para estabilizar o seu caudal
Por Alejandro Espiño |
-
Ence berra na rúa: "De Lourizán non nos moverán"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Goberno provincial critica a "enorme hipocresía" das reclamacións do PP
Por Oskar Viéitez |
-
Mantense a situación de prealerta pola seca porque o caudal do Lérez segue baixo
Por Redacción |
-
Pontevedra continúa en prealerta pola seca a pesar das chuvias dos últimos días
Por Redacción |
-
ENCE estuda recorrer á auga da EDAR para poder reanudar a súa actividade en Lourizán
Por Alejandro Espiño |
-
A APDR apunta á "evidente responsabilidade de Ence" na seca do Lérez
Por Redacción |
-
Poden as presas existentes ao longo do río Lérez aliviar a situación da seca?
Por Oskar Viéitez |