O Goberno provincial critica a "enorme hipocresía" das reclamacións do PP
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra celebrou este venres o Pleno ordinario do mes de setembro no que o protagonismo estivo centrado no debate político suscitado por varias mocións presentadas polo Partido Popular que foron rexeitadas polos grupos do Partido Socialista e o BNG.
Coa primeira das iniciativas, os populares lamentaron que o Goberno da Deputación votase en contra das propostas para que o incremento nos fondos que a institución vai recibir a través dos tributos do Estado repercutise directamente no Plan Concellos e que recuperasen a caixa de anticipos para os concellos de menos de 50 mil habitantes.
O portavoz do Partido Socialista, Carlos López Font lembrou que a Deputación de Pontevedra é a administración provincial de toda España que máis volume de transferencias fai aos concellos sobre o orzamento provincial (un 33,77%). Font afeoulle ao grupo popular a súa "enorme hipocrisía", o "cinismo" e a súa "falta de credibilidade" neste tipo de reclamacións "na Deputación que máis transfire de España, mentres practica o caciquismo máis atroz e decimonónico dende a Deputación de Ourense, que é a que representa o modelo provincial do PP".
O deputado socialista propuxo ao voceiro do grupo provincial do PP, Jorge Cubela, "ir xuntos da man á Xunta de Galicia o próximo luns" para que o Fondo de Cooperación Local "que está conxelado en 112 millóns para repartir entre os 313 municipios galegos dende o ano 2009" creza ata os 500 millóns, sumando para elo a partida de achegas regradas do Fondo ás partidas que a Xunta destina agora a convenios e subvencións discrecionais (359 millóns de euros). "Non pedimos máis cartos á Xunta, senón que distribúan con criterios obxectivos todo o que presupostan para os concellos", explicouse. Ademais propúxose a creación dun "ICO galego" para reforzar o músculo financeiro dos municipios.
O vicepresidente César Mosquera deu "a benvida ao PP ao Plan Concellos" e cualificou como "difícil de entender a actitude dun PP que protesta cando nunca tantos cartos se enviaron aos concellos desta provincia, aínda que despois en privado digan xusto o contrario".
Ao respecto da Caixa de Anticipos, Carlos Font recordou que á Liña 2 do Plan Concellos, dotada con 3 millóns de euros anuais, permite financiar gastos financeiros ou correntes, achegando, por tanto liquidez inmediata aos municipios. Sen embargo, os municipios decidiron traspasar un total de 750.000 euros nesta anualidade 2022 á Liña 1, polo que estes recursos utilizaranse para acometer obras en lugar de inxectar liquidez no pago a provedores ou para amortizar débeda.
"PSOE de Vigo e BNG de Pontevedra son quen goberna a Deputación de Pontevedra, e seguen estando moi afastados da realidade do resto dos concellos da provincia", sinalou o voceiro do grupo provincial, Jorge Cubela.
Cubela lamentou que fronte ás mocións "claramente construtivas, e que se fan eco das necesidades e reclamacións de todos os alcaldes, independentemente da súa cor política o Goberno sempre intente escusarse nos tres mandamentos: Xunta, PP e agora, Alfonso Rueda".
APOIO AOS TRABALLADORES DE ENCE
A última das mocións do grupo provincial do PP foi reclamar o apoio unánime de toda a corporación provincial ás reclamacións dos traballadores de Ence, que este venres saen á rúa nunha manifestación para defender os seus postos de traballo e a continuidade da fábrica de celulosa en Lourizán. Tamén foi rexeitada.