O Arxil cede a súa segunda derrota e di adeus ao soño do ascenso (64-61)

Por Manu Otero
Asinou o Arxil unha liga regular para enmarcar, pero na fase de ascenso que se disputa esta fin de semana en Melilla as cousas non puideron saír peor para o conxunto pontevedrés, que este venres cedeu a súa segunda derrota e queda xa sen opcións de meterse entre os dous primeiros do seu grupo para loitar polo ascenso.
As de Maite Méndez saíron á cancha conscientes da necesidade de resolver o desaguisado da primeira xornada, na que un mal inicio de partido deixou ás verdes sen opcións de loitar pola vitoria. Nin a sensible baixa de María Lago, rompeu o talón de Aquiles no partido do xoves, lastrou ás galegas que souberon igualar a intensidade do Adareva no primeiro cuarto para iniciar o segundo cunha vantaxe de tres puntos no marcador.
Con todo, o sistema defensivo do Arxil veu abaixo antes do intermedio e as canarias puxeron terra polo medio (36-27).
Tras o paso por vestiarios, o Arxil volveu á cancha co mono de traballo posto e logrou reducir as diferenzas ao mínimo. Con todo, un novo apagamento na produción ofensiva das de Maite Méndez, permitiu ao Adareva recuperar parte da vantaxe perdida grazas ao seu mellor acerto de fronte ao aro nos lanzamentos de tres.
O cuarto definitivo comezou cunha vantaxe mínima para as canarias, que neste partido exercían de locais, e a igualdade mantívose ata os últimos segundos de partido.
A falta de quince segundos para o bocinazo final o Arxil vencía por un e tiña a posesión para sentenciar. Con todo, un erro na circulación de balón permitiu roubar ao Adareva e anotar ao contragolpe para voltear o marcador. Pediu tempo morto Maite, pero a estratexia non funcionou e o Arxil volveu perder o balón sen nin sequera lanzar a canastra.
Fixeron falta para cortar o xogo e dispoñer dunha última opción de ataque, pero as canarias acertaron os seus dous lanzamentos e distanciáronse ata os tres puntos. Sen opcións para pedir un tempo morto, o Arxil puxo o balón o xogo e moveuno ata darllo a Buzadsin, en posición de lanzamento. Probouno a serbia, mellor xogadora das verdes xunto a Foster, pero o seu tiro rebotou no taboleiro.
O rebote cazouno o cadro canario e aí morreu o partido e as esperanzas do Arxil de volver competir na categoría de prata do baloncesto español. O equipo pontevedrés volverá xogar este sábado contra o Castelló, pero nin sequera unha vitoria permitiríalle alcanzar a segunda praza do grupo, posto que Adareva e Xirona, cunha vitoria cada un, enfróntanse entre se e o que venza pasará á semifinal polo ascenso xunto ao Castelló, que venceu os seus dous encontros.
Relacionadas:
-
Definido o grupo que lle espera ao Arxil e Cortegada na Liga Feminina 2
Por Redacción |
-
Mayte Méndez seguirá adestrando o Arxil e facendo historia no baloncesto nacional
Por Almu Dapena |
-
Renovar ao groso do seu plantel e buscar recambio para María Lago, plans do Arxil para a nova tempada
Por Redacción |
-
O soño polo ascenso do Arxil remata con vitoria sobre o Castelló (78-75)
Por Almu Dapena |
-
Grave lesión de María Lago, ao romper o tendón de Aquiles no primeiro partido da fase de ascenso co Arxil
Por Diego Espiño |
-
Mal inicio do Arxil na fase de ascenso, con derrota fronte ao GEiEG (56-68)
Por Diego Espiño |
-
O Arxil viaxa a Melilla "a por todas" na busca do ascenso á Liga Feminina Challenge
Por Diego Espiño |
-
Desvelado o camiño que lle espera ao Arxil na fase de ascenso á Liga Feminina Challenge
Por Redacción |
-
O Arxil cae contra o Adareva e finaliza terceiro a liga regular (69-75)
Por Cristina Saiz & Redacción |