Mal inicio do Arxil na fase de ascenso, con derrota fronte ao GEiEG (56-68)
Por Diego Espiño
O Club Baloncesto Arxil queda sen marxe para o erro na fase de ascenso á Liga Feminina Challenge que este xoves deu comezo en Melilla.
Avisaba na previa a adestradora do equipo pontevedrés, Mayte Méndez, que o formato do play-off permitía un fallo, e as verdes cometérono ao primeiro de vez ao verse superadas polo GEiEG catalán por un resultado de 56 a 68.
O mal inicio de partido condicionou moito ao cadro arxilista. pode que polos nervios da cita, pero o certo é que os primeiros compases do encontro estiveron cheos de desacerto nas pontevedresas, especialmente no tiro, o que unido a un festival desde o perímetro do seu rival fixo que a desvantaxe fose importante desde moi pronto.
Un contundente 8-24 iluminaba o marcador ao termo do cuarto inicial, cun pobre 2/13 en tiros de campo para o Arxil (15,4% de acerto) só compensando mínimante por un 4/4 en tiros libres. A iso uníase que o GEiEG anotou 6 dos seus 7 intentos desde a liña de triplo.
A diferenza chegou a ser de 20 puntos ao comezo do segundo parcial, sendo incapaz de parar o equipo verde a unha acertada Faustine Parra (14 puntos ao descanso). Con todo aos poucos as de Mayte Méndez subiron un punto de intensidade na súa defensa igualando o xogo. Seguía custando anotar, pero desde a liña de persoal a renda diminuía lixeiramente ata o 24-38 co que se chegou ao descanso.
Tocaba seguir remando e niso seguiu o Arxil tentando meterse no partido co CEiEG controlando a distancia. O xogo era parello, pero o mal primeiro cuarto seguía penalizando. Aínda así as de Mayte Méndez seguiron insistindo e con tres triplos seguidos de Dunja Buzadzin reducían a diferenza a 10 puntos (40-50), aínda que un tiro de tres sobre a bucina facía que se chegasen aos 10 minutos decisivos cun 40-53.
Iniciou con forza o parcial decisivo o conxunto pontevedrés e cunha contra de Aparicio tras roubo de Forster colocábase de novo na barreira psicolóxica dos 10 puntos (43-53). Non conseguía con todo chegar a rebaixala e o equipo catalán, con Faustine Parra en plan estelar, seguiu mantendo baixo control ás verdes (31 puntos). Só a menos de dous minutos a diferenza baixou desa liña virtual (54-63), pero xa era moi tarde e a vitoria non se lle escapaba ao GEiEG.
O peor para o Arxil chegaría ademais a falta de 45 segundos cunha preocupante lesión de María Lago, que se retirou da cancha en padiola doéndose do seu nocello esquerdo con signos evidentes de dor.
A fase de ascenso terá unha segunda parada para o Arxil este venres 22 de abril co partido que lle medirá Adareva tinerfeño (13.15 horas), e no que xa non pode permitirse un novo tropezo.
Consulta as estatísticas do partido entre Club Baloncesto Arxil e GEiEG.
Relacionadas:
-
O soño polo ascenso do Arxil remata con vitoria sobre o Castelló (78-75)
Por Almu Dapena |
-
O Arxil cede a súa segunda derrota e di adeus ao soño do ascenso (64-61)
Por Manu Otero |
-
Grave lesión de María Lago, ao romper o tendón de Aquiles no primeiro partido da fase de ascenso co Arxil
Por Diego Espiño |
-
O Arxil viaxa a Melilla "a por todas" na busca do ascenso á Liga Feminina Challenge
Por Diego Espiño |
-
Desvelado o camiño que lle espera ao Arxil na fase de ascenso á Liga Feminina Challenge
Por Redacción |
-
O Arxil cae contra o Adareva e finaliza terceiro a liga regular (69-75)
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
O Arxil xogarase o ascenso en Melilla
Por Redacción |