O soño polo ascenso do Arxil remata con vitoria sobre o Castelló (78-75)
Por Almu Dapena
O soño polo ascenso para o Club Baloncesto Arxil chegou ao seu fin. Cun balance de dúas derrotas e un triunfo, o cadro adestrado por Mayte Méndez di adeus a unha tempada case impecable que se viu manchada na fase disputada esta fin de semana en Melilla.
Os plans das pontevedresas trastornáronse xa no primeiro partido, no que caeron ante o GEiEG por 56-68 e no que, ademais, perderon á súa capitá, María Lago, por unha rotura no talón de Aquiles.
Conscientes de que esa derrota non impedía seguir pelexando polo seu obxectivo, chegou o momento de enfrontarse a un Adareva que soubo sobrepoñerse ao sistema defensivo do Arxil para vencer por 64-61 e deixar ás verdes sen opcións de promoción.
Así chegaron á terceira e última cita, disputada este sábado ante o Fustecma Castelló, que gañou os seus dous encontros cos que certificou o seu pase á semifinal polo ascenso a pesar de verse superado polo Arxil por 78-75.
Foi un partido do todo igualado aínda que ningún equipo xogábase nada. Aínda así, as pontevedresas querían finalizar esta experiencia ao grande e regresar á Boa Vila con bo sabor de boca. E que mellor maneira de facelo que gañando nos últimos instantes con dúas canastras de Nerea Liste, que certificaba un acerto persoal do 100% desde a liña de tiros libres e daba a vitoria ao seu equipo.
O recital ofensivo de Liste, con 21 puntos, sumouse ao de Buzadzin (19 puntos) e ao de Forster (16 puntos). Esta última, ademais, converteuse na mellor defensa do Arxil con 10 rebotes que lle outorgaron un 34 de valoración.
Grazas ao bo traballo de todo o equipo, que pelexou ata o bocinazo final, as de Mayte Méndez viaxan a Pontevedra pensando xa na tempada que vén, na que buscarán o ansiado ascenso que, esta vez, resistiuse.
Relacionadas:
-
Noa Casalderrey retírase e Adriana Aparicio non continuará no Arxil
Por Redacción |
-
Definido o grupo que lle espera ao Arxil e Cortegada na Liga Feminina 2
Por Redacción |
-
Renovar ao groso do seu plantel e buscar recambio para María Lago, plans do Arxil para a nova tempada
Por Redacción |
-
O Arxil cede a súa segunda derrota e di adeus ao soño do ascenso (64-61)
Por Manu Otero |
-
Grave lesión de María Lago, ao romper o tendón de Aquiles no primeiro partido da fase de ascenso co Arxil
Por Diego Espiño |
-
Mal inicio do Arxil na fase de ascenso, con derrota fronte ao GEiEG (56-68)
Por Diego Espiño |
-
O Arxil viaxa a Melilla "a por todas" na busca do ascenso á Liga Feminina Challenge
Por Diego Espiño |