Preto de 175.000 persoas participaron no 2014 nas actividades de Pazo, Teatro Principal e Recinto Feiral
Por Redacción
Con Domingos do Principal comezará esta fin de semana a programación cultural do Concello de Pontevedra para este ano. Pero antes toca, como ven sendo habitual, facer balance dos doce meses que veñen de rematar. E foron tremendamente positivos, segundo sinalan desde o Pazo da Cultura. Preto de 175.000 persoas participaron ao longo de 2014 nas diferentes actividades que se organizaron nos seus tres recintos: Pazo, Teatro Principal e Recinto Feiral.
A suma da programación tanto propia coma de outras entidades supuxo, no caso do Pazo da Cultura, que as instalacións só estiveran pechados trece dos 365 días do ano, entre os que se atoparon os festivos de Reis e Semana Santa e os domingos previos e posteriores ao Salón do Libro con tarefas de montaxe e desmontaxe. Pola súa banda, o Teatro Principal chegou a abrir un 70% dos días do ano.
Domingos do Principal, un dos ciclos máis consolidados da programación pontevedresa, foi dando paso a outras apostas como as feiras Sí, quero, Stock Pontevedra e Edugal, o festival Cantos na Maré ou o ciclo Imperdibles, unha nova iniciativa que trouxo a Pontevedra con grande éxito a Ana Moura, Fanfarlo, Vetusta Morla e Eli Paperboy Reed. En febreiro tamén botou a andar o ciclo de butaca da Banda de Música de Pontevedra, que se estendeu ata xuño.
Do 14 de marzo ao 5 de abril, celebrouse o XV Salón do Libro Infantil e Xuvenil Cociñando Contos que programou máis de 130 actividades, maioritariamente gratuítas nos diferentes espazos do Pazo e tamén no Teatro. Concertos de diferentes agrupacións locais, teatro para nenos e maiores, actividades para bebés e obradoiros para todos os públicos congregaron en apenas tres semanas a preto de 30.000 visitantes de toda Galicia.
A normalidade voltou ao Pazo a mediados de abril con Ultranoite no País dos Ananos de Chévere e a presentación do ciclo Pontevedra Escénica que se extendeu entre maio e xuño con pezas de danza, teatro, humor e musicais no Pazo e Teatro. Entre abril e xuño, a Sala de Exposicións estivo ocupada pola mostra colectiva Corpo. Miran o que non poden ver ao tempo que todos os espazos do Pazo acollían Século XX en bicicleta.
O Recinto Feiral acolleu en xuño a IX Concentración de Palilleiras. O Ben veñas Maio escollía o Pazo e actividades como a Semana Galega da Filosofía, Jazz no Principal e Sete Falares tiveron lugar no Teatro, no que tamén se celebrou a cuarta edición de PontePoética. O 14 de xuño, tivo lugar na IIla das Esculturas una nova edición do festival Surfing the Lérez, tan agardada e secundada como as anteriores.
No primeiro semestre do ano a actividade congresual non cesou, acollendo o Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e a Actividade Física Sportis, o congreso de Veterinarios, as xornadas de Xeotermia, o congreso de Xeriatría e Xerontoloxía ou a feira de emprego Ponteemprego 2014. O Pazo foi tamén base de operacións do Campionato Mundial de Dúatlon.
Durante a tempada estival, como ven sendo habitual, a actividade das instalacións reduciuse notablemente, pese a celebrarse citas tan importantes como o Curso Internacional de Cerámica ou a conferencia do enxeñeiro da NASA, Fernando Abilleira.
Cara ao mes de setembro tiveron lugar eventos como o monólogo de Goyo Jiménez que colgaba o cartel de non hai entradas. Igualmente exitoso pero cun público moito máis novo foi o Festival das Núbebes co Teatro Principal como un dos escenarios principais. Xa en outubro celebrouse o Faiponting que congregou preto de 5.000 persoas ao longo de todo o día nas moitas planificadas na Illa das Esculturas e o Pazo da Cultura.
Ciclos como Ponteatro, composto por sete espectáculos de diferentes xéneros ou os catro Concertos en Familia, tamén botaron a andar no mes de outubro e se prolongaron durante o derradeiro trimestre do ano con excelentes cifras de participación. Igualmente, en outubro comezaron os habituais obradoiros infantís A hora do conto e A procura do tesouro que se estenderán ao longo de 2015 e aos que se lles sumaron as propostas do Minipazo Club.
Feiras como Expobeauty, a de coches Pontemóvil ou a consolidada e exitosa Culturgal, tiveron lugar no Recinto Feiral os últimos meses do ano mentres que, a nivel congresual a Dor pélvica crónica, Cidades que camiñan, as xornadas formativas Por dereito da psicoloxía e a saúde, as xornadas UAM da Asociación Bata ou o congreso Ponte a Punto foron os protagonistas.
O monólogo de Leo Harlem no Pazo que esgotou entradas, o Brumario Poético, as proxeccións de Encallados e 9 ondas, o ciclo de outono da Banda de Música de Pontevedra, a presentación do disco de ÿscar Ibáñez ou diferentes actuacións de agrupacións locais como a Banda de Música de Salcedo, Airiños de Campañó, Os Coribantes ou a gala dos Premios Galegos da Música completaron a programación ata o Nadal, no que sobresaíron propostas como Panorama Kids, Nadalocio e o concerto de Aninovo.
Entre setembro e decembro, a Sala de Exposicións e outros espazos coma o vestíbulo do auditorio permaneceron ocupados coas mostras Na beira do río. Diálogos na Pintura de Dolores Gálvez e Belén Padrón. A porta do Norte de Rosa Neutro, Bravú XX, a colectiva Do papel ao xesto ou as recentemente inauguradas Camiños: Presenza franciscana no camino portugués e Triángulo do coñecemento de Enrique Prado, Manuel Cerviño e Chus Vázquez.
Relacionadas:
-
Culturgal 2015 abre convocatorias para reserva de stands e presentación de propostas
Por Redacción |
-
O ámbito do río Lérez acollerá o próximo sábado un maratón fotográfico
Por Redacción |
-
Corenta colexios exporán os seus traballos na XVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil
Por Redacción |
-
Domingos do Principal 2015, sete obras para crear público "crítico, fiel e educado" entre os máis novos
Por Alejandro Espiño |
-
O Culturgal da "consolidación" bate récords: case 15.000 persoas en tres días e anuncia a súa volta no 2015
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Ciencia e ficción, xuntos nun Salón do Libro Infantil e Xuvenil que amplía a súa duración a un mes
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |