Éxito do Festival das Núbebes, que esgota todas as localidades na súa primeira fin de semana
Por Diego Torrado
O Festival das Núbebes completou con éxito a súa primeira fin de semana de actividades. Todas as propostas deste evento de artes escénicas para bebés e familias recibiron o respaldo do público e esgotaron as localidades dispoñibles. ÿ unha proba da grande acollida que este festival, organizado polo Concello de Pontevedra e coordinado por Baobab Teatro, logrou nos seus dous anos escasos de vida.
Tras a inauguración do venres no Teatro Principal, chegaron as primeiras propostas escénicas con Entre arrolos e contiños, un espectáculo de contos tradicionais e música a cargo de Beatriz Campos; o teatro e a danza de Okina Teatro con El sueño de la luna, ou o obradoiro sensorial que organizou a asociación Medrando á Par.
Xa o domingo, a programación do festival ofreceu aos bebés o espectáculo de contos e monicreques Durme Roque, durme, con Andrea Bayer no escenario acompañada do can Roque; celebrouse un obradoiro de psicomotricidade para bebés, a cargo de Marta Lloves; e a asociación Tatameiga deu unha clase maxistral coas claves para unha lactación exitosa.
Mentres tanto, na facultade de Belas Artes estivo instalado un espazo permanente con zona de xogos para os nenos. Alí estaba tamén A Caixiña dos Mistos, que ofreceu numerosas actividades de rúa con audiovisuais e talleres de animación.
Para seguir gozando do Festival das Núbebes, haberá que esperar xa ata a próxima fin de semana.
Relacionadas:
-
Volven as Núbebes, o festival das artes escénicas máis familiar
Por Redacción |
-
Núbebes despide a súa segunda edición tras unha divertida fin de semana
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Festivaleiros dende o berce: As Núbebes xa están en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Praza do Teucro e Belas Artes, novos escenarios para a segunda edición do Festival das Núbebes
Por Alejandro Espiño |