Culturgal 2015 abre convocatorias para reserva de stands e presentación de propostas
Por Redacción
Culturgal celébrase os días 4, 5, e 6 de decembro de 2015 no Pazo da Cultura de Pontevedra. Son as datas habituais e o mesmo espazo no que ao redor de 15.000 persoas danse cita anualmente na Feira das Industrias Culturais.
A partir do martes 16 de xuño xa é posible reservar espazo e presentar propostas para o programa oficial da feira. Este ano con novedades, xa que a organización facilita a escolla de stand sobre plano e anuncia que irá confeccionando o programa de actividades a medida que se reciban e escollan propostas.
Unha oitava edición do Culturgal para facer da cidade de Pontevedra un lugar de referencia para todas as persoas que fan parte diaria da actividade cultural en Galicia e grazas ás que a feira reborda de contidos, entusiasmo e orgullo colectivo.
PALABRA E COMUNICACIÓN
Unha novedosa distribución espacial dos espazos e stands no recinto como a reformulación da circulación do público incidirán nese obxectivo: mellorar a experiencia de públicos e creadores coa palabra en todo o recinto.
A palabra, como marca do Culturgal 2015, será protagonista en todas as súas expresións: escrita, falada, declamada, cantada, a palabra nos libros, na música, no cine, palabra para o debate, na internet, na formación, etc.
Se en 2013 os organizadores apelaban á corresponsabilidade, no 2014 falaban de construír xuntos a feira, neste 2015 teñen a impresión de ter conseguido, coa complicidade de todos, un modelo de xestión sostible e de futuro.
A participación económica estable e compensada nun 60 % de achegas públicas, cos patrocinios principais de Xunta de Galicia e concello de Pontevedra, e un 40% de achegas privadas, fan que o maior escaparate para a cultura galega teña un futuro compartido colectivamente.