Máis de 400 profesionais participarán no Congreso Internacional de Ciencias do Deporte a primeiros de maio
Por Redacción
O Pazo da Cultura acollerá por décimo ano consecutivo a celebración do Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e a Educación física durante os días 8, 9 e 10 de maio.
O responsable da organización, Víctor Arufe, presentou a edición deste ano acompañado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, indicando que o Congreso se divide en diversas áreas que contemplan dende a saúde, o ocio e o tempo libre ata o rendemento deportivo, a didáctica, a xestión ou a psicoloxía. En total, expoñeranse douscentos traballos de investigación durante este evento co desenvolvemento de 12 cursos de especialización e conferencias tan rechamantes como a relacionada coas vantaxes das proteínas da carne do coello para os deportistas, adestramento persoal ou psicoloxía deportiva. Tamén se desenvolverán sesións de ioga para nenos de seis e sete anos.
No Congreso agárdase a presenza de 400 participantes procedentes tanto de España coma de Portugal, Colombia, Perú, México e Brasil. Congréganse sobre todo técnicos, médicos, fisioterapeutas, psicólogos e estudantes que, en moitos casos, xa acudiron a edicións anteriores.
Segundo manifestou Víctor Arufe, Pontevedra é a única cidade de España que leva unha década celebrando un congreso destas características. E Fernández Lores engadiu que "isto está moi relacionado co campus de Pontevedra e coa actividade deportiva tanto de elite e de base; e é un medio de actividade económica porque a maioría dous hoteis rexistran unha alta ocupación durante esa fin de semana".
O prazo de inscrición continúa aberto a través de www.congresodeporte.com e www.sportis.es ata o 2 de maio e as prazas son limitadas.