![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/b4b/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/63a31525e9-whatsapp-image-2022-12-21-at-15.13.59.jpeg)
© CEIP Marcón
O misterio das cartas que mantivo en albas o colexio de Marcón
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/f3e/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/63a31541df-whatsapp-image-2022-12-21-at-15.14.00.jpeg)
© CEIP Marcón
Alejandro ten 11 anos e o soño de dirixir un xornal, pero non ten nin reporteiros nin recursos para poñelo en marcha, ademais de descoñecer como é o traballo xornalístico. Isto non o detén e pon un anuncio no patio do colexio: "Director de xornal busca xornalistas...". É o punto de partida do libro Siete reporteros y un periódico, de Pilar Lozano, que este primeiro trimestre tivo como lectura obrigatoria o alumnado de terceiro e cuarto de Primaria do CEIP de Marcón.
Paralelamente ao traballo na aula sobre o xornalismo, este alumnado converteuse en protagonista da súa propia noticia. En realidade, dun misterio. Empezaron a chegar ao colexio unha serie de cartas anónimas escritas por unha reporteira que non se identificaba.
A intriga apropiouse do alumnado e o profesorado do colexio, que cada día reaccionaba con nerviosismo cando a conserxe do centro se achegaba ás súas aulas con correo.
Tres cartas e unha postal mantiveron o misterio ata o último momento, sen que ninguén coñecese a identidade da xornalista anónima. O alumnado foi respondendo as misivas enviadas por esta reporteira, que lles encargou que elaborasen o seu propio xornal ou radio.
Alumnos e alumnas crearon desde cero os seus propios xornais, un por curso, mostrando bos dotes de reporteiros tanto polo interese dos temas seleccionados como pola boa calidade das informacións e fotografías redactadas.
Como colofón ao traballo xornalístico e ao misterio que lles mantivo intrigados todo o trimestre, este mércores recibiron unha sorpresa. A "reporteira misteriosa", como eles a bautizaron, apareceu sen previo aviso de visita no centro, resolvendo o enigma.
O alumnado e as súas profesoras puideron poñerlle cara e nome e ela someteuse a unha exhaustiva entrevista por parte dos aspirantes a xornalistas.
Os mozos aprendices deste oficio, a pesar da súa curta idade, mostraron gran destreza á hora de realizar a súa entrevista e puideron coñecer un pouquiño máis de preto a identidade da súa compañeira de correspondencia anónima, unha antiga alumna do colexio de Marcón que leva 20 anos exercendo a profesión.
A súa identidade, con todo, a partir de agora, quedará entre estes alumnos e as súas profesoras. Tan só eles puideron resolver o enigma e, como bos xornalistas, saberán gardar o segredo.
Relacionadas:
-
Carrera solidaria no CEIP Marcón a favor da ONG Save the Children
Por Redacción |
-
RADIO.- Bombeiros de Pontevedra, os alumnos de Marcón deixáronvos os seus agradecementos en PontevedraViva Radio
Por Redacción |
-
O colexio de Tenorio "liberará" libros en espazos emblemáticos
Por Oskar Viéitez |
-
Polo Correo do Vento presenta o libro 'O teu cole na historia' con motivo dos murais creados en 21 escolas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Día de alegría, reencontros... e madrugóns
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O CEIP de Marcón vence na categoría de Primaria no concurso nacional da auga subterránea
Por Redacción |
-
A novena edición de Pontenciencia xa ten gañadores
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
'O teu cole na historia' visita o CEIP de Marcón
Por Redacción |