O CEIP de Marcón vence na categoría de Primaria no concurso nacional da auga subterránea

Por Redacción

© CEIP de Marcón

© CEIP de Marcón
O alumno de 1º de Primaria do CEIP de Marcón, Manuel Martínez Pesqueira, resultou gañador do concurso do Día Mundial da Auga, convocado polo grupo español da Asociación Internacional de Hidroxeólogos, na súa modalidade de debuxo.
O CEIP de Marcón participou neste certame de Auga Subterránea 2022 xunto con centos de colexios e institutos de toda España. O centro pontevedrés levou o primeiro premio na modalidade de Primaria, mentres que o gañador na categoría de alumnado de Secundaria recaeu en Rodrigo Díez, do IES Andrés Laguna de Segovia.
Manuel Martínez representou no seu debuxo o que era para el a auga subterránea. Para iso debuxou o ciclo da auga, dándolle un papel protagonista ás augas subterráneas, acompañado dos elementos naturais existentes no seu contorno máis próximo.
O concurso leva o lema de "Aguas subterráneas, hacer visible lo invisible". Para preparar os traballos, desde o CEIP de Marcón explican que recibiron información do grupo colaborativo en investigación Xeotérmica Galega, formado por científicos, investigadores e enxeñeiros ambientais afincados en Galicia, en concreto, de Huw Francis Williams e Sally Jane Williams, sobre a importancia da auga subterránea e as súas características, así como asesoramento de cara ao concurso.
ASOCIACIÓN DE HIDROXEÓLOGOS
A Asociación Internacional de Hidroxeólogos (AIH) foi fundada en 1956 para fomentar o desenvolvemento e promoción da ciencia hidroxeolóxica en todo o mundo, e para facilitar o intercambio de información sobre augas subterráneas. A AIH é unha organización científica e educativa con mais de 4000 membros de 135 países, 250 de España, e está afiliada á Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas coa que participa no Programa Hidrolóxico Internacional da UNESCO.
Os socios españois formaron o Grupo Español da AIH, que representa e coordina as actividades en España, ademais de promover actividades de interese para os socios españois e en ocasións de ámbito internacional. Tamén organiza mesas redondas, debates e conferencias sobre temas de actualidade. A presidenta en España é Carolina Guardiola Albert, científica Titular no Instituto Xeolóxico e Mineiro de España - CSIC.
Relacionadas:
-
O misterio das cartas que mantivo en albas o colexio de Marcón
Por Redacción |
-
Escolares do colexio de Marcón recibiron o carné de "ciberexperto"
Por Redacción |
-
'O teu cole na historia' visita o CEIP de Marcón
Por Redacción |
-
Os escolares do CEIP de Marcón recuperan o Entroido tradicional da parroquia
Por Mónica Patxot & María José Pita |