Alumnos do CEIP de Marcón de Pontevedra, 2º e 3º de Primaria, tiveron ocasión de coñecer como traballan os xornalistas. Fixérono cunha visita este pasado xoves 25 a PontevedraViva e PontevedraViva Radio onde con gran interese escoitaron como é o día a día desta profesión, e que é un xornal e unha radio dixital.
A mañá foi diferente á habitual para estes escolares, xa que o centro programáralles unha excursión para coñecer o Parque de Bombeiros de Pontevedra e este medio de comunicación.
Da súa experiencia nese emprazamento deron boa conta no podcast 'Conversas na Ferrería' onde compartiron que foi o que máis lles gustou, como traballan estes servizos de emerxencias e as oportunidades que tiveron de usar unha mangueira ou subir aos seus vehículos. Mesmo deixaron ante os micrófonos os seus agradecementos a este corpo.
Podes escoitalos na ligazón que se adxunta a esta información pulsando no mesmo ou ben descargalo e oirlos noutro momento.