Primeiros pasos para mellorar a seguridade viaria na rúa da Palma de Cuntis

Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Pontevedra deu luz verde na súa última reunión á sinatura dun convenio co Concello de Cuntis que permitirá mellorar a seguridade viaria na rúa da Palma deste localidade.
Este convenio supón o primeiro paso para poñer en marcha este proxecto, enmarcado no modelo de mobilidade sostible e segura do goberno provincial e que suporá un investimento de 604.000 euros para a transformación da estrada provincial EP-8402 Cuntis-Cequeril, ao seu paso polo termo municipal, concretamente entre a rúa da Palma e o Rego da Patela.
Segundo explicou a Deputación a través dun comunicado, este proxecto vai permitir mellorar a seguridade, funcionalidade, accesibilidade e a convivencia entre tránsito peonil e tráfico rodado nun tramo de 400 metros entre a intersección coa N-640 no núcleo urbano de Cuntis ata o cemiterio.
A zona fronte ao cemiterio dotarase de bancos e árbores. A partir do cemiterio proxectarase unha vía de convivencia entre peóns e coches. O tramo ten o firme deteriorado, ten postes e tendidos aéreos e treitos de beirarrúas de ancho variable e sen continuidade.
Con esta actuación, vanse crear zonas de convivencia cunha plataforma elevada, unha vía con dous carrís de 3 metros de ancho, unha banda de aparcamento e sendas nas dúas marxes cun ancho mínimo de 2,5 metros.
Tamén se vai crear unha rede de recollida de pluviais e instalar luminarias led, máis eficientes e sostibles e completarase a obra con sinalización horizontal e vertical nova na estrada, separadores de carril para impedir que os vehículos invadan a senda peonil, barreira de seguridade na ponte e varandas para a contención peonil na pasarela.
Relacionadas:
-
A humanización da Rúa da Palma rozará os 550.000 euros de investimento
Por Redacción |
-
Aprobado o expediente de contratación para a humanización da rúa da Palma en Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis mellora o camiño da N-640 ao enlace de Soutelo
Por Redacción |
-
Avanza o proxecto de humanización da rúa da Palma de Cuntis
Por Redacción |
-
Aprobado o orzamento de Cuntis para 2021 con máis de 4 millóns de euros
Por Redacción |
-
O Concello de Cuntis programa obras na rúa da Palma conectando a senda do río da Patela co paseo do Gallo
Por Oskar Viéitez |