A humanización da Rúa da Palma rozará os 550.000 euros de investimento

Por Redacción
O proxecto de humanización da EP-8402 Cuntis-Cequeril, no tramo da rúa da Palma, ascenderá finalmente a uns 545.000 euros, dos que a Deputación achegará o 70% e o Concello de Cuntis o 30% restante, segundo destacaron este xoves ambas as dúas administracións.
O proxecto busca mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade tanto para o tráfico rodado como peonil e dá reposta a unha serie de demandas da veciñanza.
Os traballos levaranse a cabo nos primeiros 400 metros da estrada, situados entre o propio núcleo urbano de Cuntis e o Rego da Patela, unha zona moi concorrida que dá acceso a servizos como un cemiterio ou un colexio público.
Este treito deixará de contar cunha complicada accesibilidade e convivencia entre o tráfico rodado e o peonil para converterse nun espazo amable, sostible e seguro para os usuarios.
Así, crearase unha zona de convivencia que consistirá nunha plataforma elevada e que irá dende a intersección coa estrada N-640 no núcleo urbano de Cuntis ata o cemiterio.
A partir do camposanto proxéctase unha vía con dous carrís de 3 metros de ancho -un por sentido-, unha banda de aparcamento en liña na marxe esquerda e beirarrúas en ámbalas marxes cun ancho mínimo de 2,5 metros.
Ademais, para dar continuidade ao itinerario peonil, na ponte sobre o Rego da Patela executaranse muros de pedra de granito e empregarase o mesmo pavimento que no resto da senda.
As actuación complétanse coa execución dunha rede de recollida de augas pluviais, a colocación de novas luminarias LED e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical, separadores de carril para impedir que os vehículos invadan a senda da marxe dereita, unha barreira de seguridade na ponte e unha varanda para contención de peóns na pasarela.
Relacionadas:
-
A reforma da Rúa da Palma e a reordenación do Espadenal, dúas obras para a "transformación histórica" de Cuntis
Por Redacción |
-
Pontevedra mellora as prestacións dos cemiterios municipais cun plan de posta a punto
Por Redacción |
-
Aprobado o expediente de contratación para a humanización da rúa da Palma en Cuntis
Por Redacción |
-
Avanza o proxecto de humanización da rúa da Palma de Cuntis
Por Redacción |
-
Primeiros pasos para mellorar a seguridade viaria na rúa da Palma de Cuntis
Por Redacción |