Avanza o proxecto de humanización da rúa da Palma de Cuntis
Por Redacción
A rexeneración urbana da rúa da Palma de Cuntis será unha realidade. A actuación, enmarcada no mobilidade sostible promovida pola Deputación de Pontevedra suporá a transformación da estrada provincial EP-8402 Cuntis-Cequeril, ao seu paso polo casco urbano.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, foi o encargado de informar este sábado de que o órgano provincial xa deu inicio aos trámites de expropiación dos bens e dereitos afectados por este proxecto. Segundo Campos, "con este trámite dáse un paso máis de cara facer realidade unha importante intervención que suporá un investimento total de 603.030,72 euros dos que o 20% serán achegados polo Concello e o 80% serán fondos provinciais".
Concretamente a actuación será entre a rúa da Palma e o Rego da Patela, e permitirá mellorar a seguridade, a funcionalidade, a accesibilidade e a convivencia entre tránsito peonil e tráfico rodado nun tramo de 400 metros entre a intersección coa N-640 no núcleo urbano de Cuntis ata o cemiterio.
Esta última zona a dotarán de bancos e árbores, e a partir de aí, proxectarán unha vía de convivencia entre peóns e coches, creando zonas de convivencia cunha plataforma elevada, unha vía con dous carrís de 3 metros de ancho, unha banda de aparcamento e sendas nas dúas marxes cun ancho mínimo de 2,5 metros.
Por último, crearán unha rede de recollida de pluviais e instalarán luminarias led, máis eficientes e sostibles e completarán a obra con sinalización horizontal e vertical nova na estrada, separadores de carril para impedir que os vehículos invadan a senda peonil, barreira de seguridade na ponte e varandas para a contención peonil na pasarela.
Relacionadas:
-
A humanización da Rúa da Palma rozará os 550.000 euros de investimento
Por Redacción |
-
Aprobado o expediente de contratación para a humanización da rúa da Palma en Cuntis
Por Redacción |
-
Primeiros pasos para mellorar a seguridade viaria na rúa da Palma de Cuntis
Por Redacción |
-
Aprobado o orzamento de Cuntis para 2021 con máis de 4 millóns de euros
Por Redacción |