A reforma da Rúa da Palma e a reordenación do Espadenal, dúas obras para a "transformación histórica" de Cuntis
Por Redacción
En apenas sete meses, completarase o cambio "total e absoluto" de dous enclaves estratéxicos en Cuntis, a Rúa da Palma e o barrio do Espadenal. "Non haberá quen recoñeza estes espazos", destacou este martes a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
Estas dúas actuacións, que financia a institución provincial, supoñen un investimento que supera os 1,1 millóns de euros. Servirán para dar un "novo impulso" ao que Silva definiu como a "transformación histórica" deste municipio termal.
Na Rúa da Palma, cuxos traballos acaban de comezar, cambiarase a súa fisonomía desta zona urbana para dar prioridade ás persoas, xa que dá servizo ao colexio ou ao cemiterio.
O proxecto deseñou unha zona de convivencia nos primeiros metros, na que se disporá un espazo de arborado e zona de bancos, a obra continuará cunha vía con dous carrís de 3 metros de ancho e sendas en ámbalas marxes cun mínimo de 2,5 metros. Doutra banda, para salvar o rego da Patela disporase unha pasarela de madeira de 9 metros de lonxitude e dous metros de ancho.
As actuacións inclúen tamén a execución da rede de recollida de augas pluviais e a colocación de novas luminarias LED de 9 metros de altura, a renovación da rede de electricidade e a sinalización horizontal e vertical.
A mazá do barrio do Espadenal, comprendida entre as rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González, é segundo recordou o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, unha das zonas máis poboadas e "necesitaba un cambio integral e a renovación de todos os servizos".
Converterase deste xeito nun ámbito con plataforma única, con absoluta prioridade peonil e no que o espazo para as persoas increméntase ata un 50% sobre o actual. Os carrís de circulación rodada limitaranse todo o necesario.
O parque infantil contará con nova iluminación e pavimento de seguridade e instalaranse aparatos biosaudables no espazo que rodea á pista de xogos.
Todo o ámbito quedará equipado cunha nova rede de saneamento, pluviais e abastecemento e haberá un novo alumeado, reforzando a iluminación nos pasos peonís e o parque e novos elementos de mobiliario urbano, papeleiras, bancos e banco-cargador de teléfonos móbiles.
A presidenta provincial puxo en valor o "enorme esforzo" que están a facer os concellos da provincia, e máis en concreto Cuntis, para acadar uns servizos "que permitan reducir consumos, garantir que non haxa perdas e que sexa un servizo coas novas demandas da Axenda 2030".
"A veciñanza vai vivir mellor, con espazos de máis calidade urbana e iso tenos que satisfacer moito", sentenciou Carmela Silva, que felicitou ao goberno municipal de Cuntis polo seu "modelo de pobo" que tiñan ideado para este mandato.