Aprobado o orzamento de Cuntis para 2021 con máis de 4 millóns de euros

Por Redacción
Cos votos dos sete concelleiros do PSdeG-PSOE que goberna en Cuntis e a abstención dos grupos de Veciñanza e Partido Popular, este xoves 14 de xaneiro aprobábase o orzamento municipal para o ano 2021 no Concello de Cuntis.
Este orzamento elévase á cifra de 4.025.000 euros e sobe un 21,9% respecto ao aprobado en 2019, segundo indican desde o goberno local. Manuel Campos, alcalde da vila, afirma que estes orzamentos cobren as principais necesidades do municipio, ademais de contar cun carácter social coa idea de enfrontarse á situación de "consecuencias nefastas" provocada pola pandemia. Campos sinala que se aceptaron parcialmente algunhas das emendas presentadas pola oposición.
Este documento aprobado conta cunha cantidade de 586.400 euros que irá destinada a cuestións relacionadas coa acción social, con servizos como o de conciliación Cuntilín, ao que se destinan 79.000 euros para este ano.
O orzamento establece 90.000 euros para a atención temperá e axudas á natalidade, unha cuestión á que se quere dar maior impulso durante este exercicio con axudas máis atractivas para os residentes no municipio. Tamén se destina unha liña directa de achegas a colectivos e asociacións que contribúan na dinamización cultural e en materia deportiva.
Contémplanse 30.000 euros para rebaixar os efectos económicos que a pandemia está a ocasionar en determinados sectores empresariais. Nesta mesma liña, unha partida de 12.000 euros será para dinamizar o comercio en colaboración coa asociación de comerciantes do municipio. Tamén se establecen as mesmas investimentos económicos para promoción turística que no pasado exercicio.
A ampliación e mellora do polígono industrial da Ran aparece recollida nesta conta xeral para este ano con fondos para realizar a expropiación de terreos e outras destinadas á conservación do patrimonio coa posta en valor dos petróglifos, recuperación do lavadoiro termal ou a rehabilitación da escola de Meira.
Outros fondos serán para dotar á Policía Local dun vehículo, para a compra dun novo camión de recollida de lixo e a instalación dun punto de recarga de vehículos eléctricos.
No apartado de investimentos establécense 500.000 euros e dótase unha partida para o convenio coa Deputación de Pontevedra, destinado a mellorar a estrada EP-8402 no seu trazado pola rúa da Palma.
Manuel Campos, tras a aprobación, explicou que se trata dun orzamento adaptado ás actuais circunstancias de dificultade por culpa da pandemia e que, ao mesmo tempo, busca a mellora de servizos públicos, con máis investimentos e proxecta as bases para o desenvolvemento económico e social.
Relacionadas:
-
Avanza o proxecto de humanización da rúa da Palma de Cuntis
Por Redacción |
-
Co verán, volve o Cuntilín, que facilita a conciliación con 80 nenos de Cuntis
Por Redacción |
-
Primeiros pasos para mellorar a seguridade viaria na rúa da Palma de Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis rehabilitará o lavadoiro termal municipal
Por Redacción |
-
Cada bar de Cuntis recibirá uns 1.400 euros polas axudas ante a covid-19
Por Redacción |
-
Unha empresa do sector do aluminio investirá 15 millóns de euros para instalarse no polígono de Cuntis
Por Redacción |
-
O alcalde de Cuntis pide "axilidade" á Xunta na posta a disposición de solo industrial
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis mellorará a sinalización e a información dos recursos turísticos de carácter relixioso
Por Redacción |
-
Satisfacción no goberno local de Cuntis pola aprobación dos orzamentos municipais
Por Oskar Viéitez |