O Concello de Cuntis programa obras na rúa da Palma conectando a senda do río da Patela co paseo do Gallo
Por Oskar Viéitez
O goberno local do Concello de Cuntis ten en carteira as obras de urbanización da Rúa da Palma e a súa unión mediante unha senda peonil, paralela ao río da Patela ata chegar á súa intersección co paseo do río Gallo na estrada nacional N-640.
Preténdese así a creación e mellora dunha contorna urbana sustentable coa mellora dunha rúa que é unha das arterias principais do municipio dotándoa de novos servizos na súa totalidade.
Ademais contémplase dotar ao viario de medidas para a redución de velocidade e o acougado do trafico ao tratarse dun zona escolar onde é necesario incrementar a seguridade dos peóns que acoden diariamente a esa zona. Nesta contorna tamén se atopa o cemiterio municipal e é lugar de paso para os visitantes ás distintas zonas recreativas como o parque de Maráns e o xacemento de Castrolandín.
As obras inclúen a colocación de redes de servizo de saneamento, abastecemento, iluminación e electricidade e telecomunicacións, ademais dunha rede de drenaxe e a posterior colocación da pavimentación da calzada e a formación de beirarrúas. Tamén se dotará a actuación de mobiliario urbano e xardinería e colocarase sinalización tanto vertical como horizontal na zona de actuación.
O orzamento da actuación é de 510.000 euros os que haberá que sumar outros 80.000 euros para a senda peonil á que se dotará de mobiliario urbano, un parque biosaudable e iluminación.
Ambos os proxectos serán tramitados independentemente.