As deputacións achegarán o 1% das súas contas para rescatar a hostalería
Por Redacción
As tres deputacións provinciais gobernadas polo PSdeG-PSOE e o BNG, entre elas a de Pontevedra, acordaron unilateralmente achegar o 1% dos seus respectivos orzamentos para o plan de rescate á hostalería e lamentaron que a Xunta "non iguale" este esforzo investidor.
Así o anunciaron os representantes dos gobernos provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra tras a xuntanza celebrada coa Xunta de Galicia, os concellos galegos -representados pola Fegamp- e o Clúster de Turismo de Galicia para tratar de consensuar unha liña de axudas.
O goberno galego decidiu elevar a cantidade que ía destinar inicialmente para este fondo de colaboración, 50 millóns de euros, ata os 75 millóns, unha cantidade que as deputacións consideran "insuficiente", xa que só sería o 0,64% dos orzamentos autonómicos.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu que este fondo chegará ata os 80 millóns de euros, sumando os 5 millóns que porían as catro deputacións. A estes cartos engadiríanse as achegas dos concellos galegos que, polo de agora, non concretaron cifras.
"Nós sempre dixemos que cada administración aportara o que puidera", sinalou Rueda, que recordou que estas axudas son complementarias aos plans xa impulsados polo goberno galego e que supuxeron outros 86 millóns de euros para o sector.
Tras recordar que estas cantidades son "moi necesarias" para os seus destinatarios, o vicepresidente galego engadiu que os hostaleiros "non poden esperar máis tempo".
Con todo, desde as deputacións insisten en que o modelo do 1% elevaría "notablemente" o diñeiro destinado a este fondo de rescate, chegando aos 140 millóns de euros a repartir de xeito "xusto e proporcional" entre todas as administracións implicadas.
Os seus representantes, entre os que estaba o deputado pontevedrés Carlos Font, lamentaron que a Xunta non responda "á mesma altura" que os entes locais e censuraron que o goberno galego "abandone aos sectores aos que obriga a pechar as portas ou restrinxir horarios".
Ademais, censuraron o "engano ao sector" despois de coñecer que a proposta da Xunta é que este fondo común de rescate non sexa exclusivo para a hostalería e o turismo, senón que irá tamén destinado a outras actividades profesionais.
A este respecto, Rueda garantiu que os hostaleiros serán os principais beneficiarios destes cartos porque son os máis afectados polos peches e restricións.
O próximo venres haberá unha nova xuntanza para determinar o modelo de xestión dos fondos e se serán tramitados polos concellos, como propoñen as deputacións, pola Xunta de Galicia, como propón a administración autonómica, ou a través dun modelo mixto.
Relacionadas:
-
Pontevedra perderá o 50% da súa hostalería antes do verán se non chega o rescate ou a reapertura
Por Manu Otero |
-
A Deputación comprométese a destinar o 1% do orzamento a axudar á hostalería e o turismo
Por Redacción |
-
Non haberá "portelo único" para as ayudas do plan de rescate á hostalería
Por Redacción |
-
A navalla de Ockham e a polémica sobre o plan de rescate da hostalería
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra insiste na "man tendida" para un acordo nas axudas á hostalería e o turismo
Por Oskar Viéitez |
-
Os populares censuran que a Deputación antepoña os seus "intereses partidistas" nas axudas aos hostaleiros
Por Redacción |
-
Moraña aportará cartos ao segundo plan de rescate da Xunta
Por Redacción |
-
O Equipo Rescate Hostelería volve ás estradas este xoves camiño de Santiago para pedir axudas á Xunta
Por Redacción |
-
O plan de axudas da Xunta "queda curto", segundo Carlos Font, que pide que "rectifiquen"
Por Redacción |
-
Sen acordo na xuntanza a tres bandas para consensuar unha liña conxunta de axudas
Por Redacción |