A Policía Local de Poio amplía os controis do peche perimetral e centran a atención na Barca e os accesos ao Vao
Por Redacción
O avance da covid-19 non se detén en Poio e este venres contabilízanse 291 casos activos, 17 máis que o xoves, ademais doutros 676 veciños que están en corentena por ser contactos estreitos de positivos e precisar un seguimento. Á vista desta situación, e das medidas e restricións activas para intentar frear a evolución da enfermidade, os controis están a intensificarse. Ademais, desde o Concello piden a Sanidade novos cribados masivos, especialmente no núcleo de Campelo, onde hai familias enteiras con positivos ou confinadas.
"É imprescindible que se continúen facendo rastrexos para detectar posibles casos asintomáticos", destacou a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas.
Caldas mantivo este xoves unha reunión de traballo con responsables de Policía Local e Protección Civil, de cara a continuar perfilando medidas que se reactivan desde os diferentes departamentos municipais para prestar servizos á cidadanía neste contexto tan complicado.
Unha delas será reforzar a vixía, en colaboración coa Garda Civil, para controlar a mobilidade, especialmente en lugares como A Barca ou a contorna do Vao.
Ademais, a partir deste luns Protección Civil reforzará os traballos de desinfección que xa se veñen realizando en distintos espazos públicos. Farase especial fincapé nos parques infantís e zonas concorridas das cinco parroquias, así como en contornas de centros de saúde, colexios e nos edificios públicos.
Continúase, asemade, coa atención a persoas en corentena que precisan de axuda para cuestións como compras de alimentos ou recollida de lixo, en coordinación con Servizos Sociais. Actualmente estase realizando esta prestación en 20 vivendas do municipio.
Desde o inicio da pandemia, ademais de de velar pola seguridade e polo cumprimento das diferentes medidas e restricións que se foron implantando en función da evolución da covid-19, a Policía Local de Poio tamén desenvolve un importante labor informativo. Son moitos os veciños e veciñas que recorren ao corpo municipal cando queren resolver calquera dúbida relacionada coas restricións.
Desde que Poio entrou no nivel máximo de alerta decretado pola Xunta de Galicia, a Policía Local está a recibir unha media diaria de chamadas telefónicas que, en moitas ocasións, supera as 150, segundo cálculos do seu máximo responsable, Antonio Duarte, que explica que a inmensa maioría destas dúbidas están vencelladas ao peche perimetral. Segundo sinala, "moita xente solicita información sobre cales son as situacións polas cales se permite saír do termo municipal.
O Concello de Poio lembra que está a disposición da cidadanía un número de teléfono, habilitado pola Xunta de Galicia, ao que se pode chamar especificamente para realizar este tipo de dúbidas. Trátase do 900400116. Tamén é posible obter información sobre todo o vencellado á covid-19 na web coronavirus.sergas.gal. En todo caso, tamén se vai habilitar unha nova liña específica para tal fin desde o Concello.
Relacionadas:
-
Poio farase cun sonómetro para controlar a contaminación acústica
Por Redacción |
-
Salta o peche perimetral de Poio e acaba denunciado por conducir drogado, sen seguro e sen ITV
Por Redacción |
-
Multas en Poio por saltarse o peche perimetral para ir ao Centro Comercial A Barca
Por Oskar Viéitez |
-
O Sergas fará un cribado xeral en Poio diante do avance da covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
Dúas de cada tres sancións en Pontevedra son por saltar o peche perimetral
Por Alejandro Espiño |
-
Multan o propietario dun bar de San Salvador de Poio por superar o 50% da capacidade
Por Redacción |
-
154 novos casos na área sanitaria e Galicia acada un novo máximo de positivos: 18.286
Por Redacción |
-
Poio insta á Xunta a que resolva a situación de vinte familias ás que non lles recargou a 'tarxeta monedero'
Por Redacción |
-
Os negocios de Poio adiantan a hora de peche para fomentar o confinamento e frear os contaxios
Por Manu Otero |
-
Poio, abocado ao nivel extremo de restricións tras alcanzar unha incidencia de 1.451
Por Alejandro Espiño |
-
Clamor en Poio por novos cribados tras superar por primeira vez os 200 casos activos por covid-19
Por Alejandro Espiño |