Máis de 61.600 pontevedreses xa teñen a cuarta dose da vacina contra a covid-19

Por Natalia Puga
A campaña de vacinación da dose de recordo contra a covid-19 xa chegou a 61.600 persoas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, pacientes maiores de 60 anos e persoal sanitario que acaba de recibir a cuarta dose.
O coordinador de vacinación e director de enfermería da área sanitaria, Juan Vázquez Vilar, fixo balance este xoves da campaña, que comezou en outubro e supuxo a reapertura dos recintos de vacinación masivos da sede da Xunta de Campolongo en Pontevedra e do recinto feiral de Fexdega en Vilagarcía.
Segundo as cifras provisionais, entre as persoas maiores de 70 anos, a asistencia media diaria foi do 70% da poboación diana mentres que na franxa de idade de 60 a 69 a media baixa ao 60%.
De todos os xeitos, Juan Vázquez matiza que hai "certa variabilidade en canto á asistencia por días", xa que hai xornadas do 80% e outras do 65%.
No que queda desta semana, seguirase vacinando en Campolongo e Fexdega ao grupo de 60 a 69 anos e manterase a campaña de repesca da franxa de 70 a 79 que non acudiron á primeira cita.
Durante as xornadas de xoves e venres están citadas en Campolongo 3.000 persoas e no recinto de Fexdega, 1.300. Para a fin de semana, serán 2.500 en Pontevedra e 700 no Hospital do Salnés.
O luns 7 de novembro comeza a repesca das persoas de entre 60 e 69 anos e entre o martes 8 e o xoves 10, haberá repesca do persoal sanitario, que nun primeiro momento acudiu a centros de saúde e agora será vacinado nos recintos de vacinación masiva.
Tamén continúa a vacinación nos centros de atención primaria cabeceira de comarca para as persoas maiores de 80 anos e tamén a campaña que se realiza en domicilios para as persoas inmobilizadas.
Relacionadas:
-
A cita para a vacinación de reforzo contra a covid, a través da app do Sergas desde este luns 14
Por Redacción |
-
Nova fase na campaña de vacinación de reforzo contra a covid coa citación de persoal sanitario
Por Diego Espiño |
-
Máis de 8.000 persoas recibiron xa a cuarta dose da vacina contra a covid-19 na área sanitaria
Por Redacción |
-
Aparcamento de balde, cadeiras de rodas e "moitas ganas" no regreso dos vacinódromos para os maiores de 80
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Reapertura de vacinódromos este venres 7 en Pontevedra e O Salnés para inxectar a cuarta dose anticovid
Por Redacción |