Os negocios de Poio adiantan a hora de peche para fomentar o confinamento e frear os contaxios
Por Manu Otero
Poio é un dos municipios que máis está a sufrir os efectos da terceira onda da covid-19. Con centos de casos activos, o goberno local xa asume que terá que aplicar as restricións máis severas para frear o ritmo de contaxios. Co obxectivo de contribuír a mellorar a situación, a Asociación de Empresarios e Empresarias de Poio puxo en marcha unha campaña para animar a todos os negocios a adiantar a hora de peche ás 19 horas.
"Queremos pechar antes para que a xente esté menos tempo na rúa e tamén para concienciar aos políticos de que non teñan medo a tomar decisións", declarou o tesoureiro do colectivo Arsenio Pedre, propietario da tenda de electrodomésticos Tien 21 Aral en Porteliña.
A idea xurdiu este xoves durante a reunión dos integrantes do colectivo. Algúns, como a papelería Tizas ou o despezamento Catoira, xa a implantaban e agora propoñen estendela aos demais. Polo momento son 12 os establecementos que xa se sumaron a esta campaña, pero confían en que nas próximas horas serán moitos máis os que se animen a facelo.
"É voluntario, pero cantos máis sexamos mellor", recoñece Pedre, portavoz neste caso dun colectivo que engloba a 29 titulares de 29 empresas.
Os mecanismos para pechar ás 19 horas son variados, desde realizar un horario continuo ata completar a xornada con atención telefónica. En calquera caso, o espírito desta campaña é contribuír á loita contra a pandemia e non terá ningún tipo de consecuencia nas nóminas das persoas que traballan nestas empresas.
Desde o Concello de Poio agradecen este xesto e poñen en valor unha iniciativa na que predomina o interese xeral en favor do benestar de todos e todas.
Relacionadas:
-
O Sergas fará un cribado xeral en Poio diante do avance da covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
Galicia limita as reunións só aos conviventes, pecha hostalería e ximnasios, os comercios só abrirán ata as seis
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Multan o propietario dun bar de San Salvador de Poio por superar o 50% da capacidade
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio amplía os controis do peche perimetral e centran a atención na Barca e os accesos ao Vao
Por Redacción |
-
Poio, abocado ao nivel extremo de restricións tras alcanzar unha incidencia de 1.451
Por Alejandro Espiño |
-
Clamor en Poio por novos cribados tras superar por primeira vez os 200 casos activos por covid-19
Por Alejandro Espiño |