Caldas destina un millón de euros ao seu Plan de Acción Ambiental
Por Redacción
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, e o concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, presentaban este venres 5 de xuño, co gallo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, o novo programa de compromisos ambientais que marcarán o próximo ano de mandato municipal e para os que se establece un investimento aproximado dun millón de euros.
Este Plan de Acción Ambiental xirará sobre catro eixos principais: saneamento, xestión de residuos e redución de emisións, coidado e posta en valor dos espazos naturais e infraestrutura verde.
Segundo manifesta o alcalde, "a sustentabilidade é un dos grandes retos aos que se enfrontan as administracións locais e en Caldas estamos demostrando día a día a nosa responsabilidade con esta cuestión".
Pola súa banda, o responsable de Medio Ambiente engadía que "as políticas ambientais deben ir sempre vinculadas á mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas e neste sentido Caldas alberga tamén un enorme potencial para o desenvolvemento de accións ambientais, non só como elemento de protección do entorno, senón como xerador de oportunidades"
Neste punto incidía no traballo e compromiso do Concello "cara un modelo real de desenvolvemento sostible".
No relativo ao saneamento, o concello caldense seguirá avanzando no plan de ampliación da rede a todo o termo municipal. No primeiro ano de lexislatura realizouse un investimento de 280.000 euros na mellora e extensión de redes de saneamento e está previsto que esta cantidade aumente considerablemente no próximo exercicio. Entre os investimentos programados están o saneamento de Paradela, a separativa na rúa Real, a mellora do entorno do río Bermaña e a redacción de proxectos de saneamento en Faramentáns e Pazo-Tibo.
Outro dos puntos do programa ambiental é o referido á xestión de residuos e redución de emisións. Neste sentido, continuarase na liña de reforzo do servizo de recollida de lixo, incremento da reciclaxe e redución do volume de desperdicios no colector verde, así como a dotación de máis composteiros individuais e o fomento da concienciación ambiental para consolidar o uso dos composteiros comunitarios. Tamén terán continuidade os programas de limpeza no casco urbano, no rural, en espazos naturais e camiños tradicionais, entre outros.
En canto á redución de emisións, os compromisos do Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía guiarán as accións a desenvolver. Caldas comprometeuse a aumentar como mínimo nun 20% o uso de enerxías procedentes de fontes renovables e a reducir nun 20% as emisións de gases de efecto invernadoiro.
A protección e posta en valor de espazos naturais marca outra das bases do Plan de Acción Ambiental. Entre as accións que se inclúen neste apartado de cara ao vindeiro ano de mandato, destaca a realización dun estudo da biodiversidade da finca municipal da central hidroeléctrica de Segade, que servirá para outorgarlle protección e poñer en valor este espazo.
Tamén se redactará o Plan Director do Xardín Botánico, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), e se levarán a cabo actuacións de mellora no río Bermaña ao seu paso por Caldas e noutros entornos ambientais.
Doutra banda, está previsto o desenvolvemento dun plan de infraestrutura verde que planificará de xeito estratéxico a xestión de zonas naturais para propiciar o seu uso saudable por parte da cidadanía ao tempo que se protexen os ecosistemas e a súa biodiversidade.
Por último, o Plan de Mobilidade Urbana Sostible seguirá sendo o marco referencia sobre o que o Concello de Caldas sustentará as políticas de actuación para unha mobilidade máis eficiente, adaptada ás persoas e respectuosa co medio ambiente.
Relacionadas:
-
As cifras de reciclaxe e recollida selectiva de residuos en Caldas non deixan de crecer
Por Redacción |
-
Case 290.000 euros van destinarse á primeira fase de saneamento de augas residuais en Paradela
Por Redacción |
-
Caldas inicia a elaboración do seu propio plan de acción contra o cambio climático
Por Redacción |
-
Caldas aproba un orzamento de máis de seis millóns para o ano 2020
Por Redacción |
-
Caldas quere afondar na súa política ambiental e sumarase ao Pacto de Alcaldes polo Clima
Por Redacción |
-
O Concello de Caldas limpa a contorna das igrexas rurais coincidindo coa celebración das festas patronais
Por Redacción |