Caldas quere afondar na súa política ambiental e sumarase ao Pacto de Alcaldes polo Clima
Por Redacción
O pleno extraordinario da corporación de Caldas de Reis abordará este martes a adhesión do municipio ao Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía, un proxecto internacional promovido pola Unión Europea que busca involucrar os concellos nos obxectivos de reducir as emisións de CO2.
Con esta adhesión, Caldas comprometerase a seguir o modelo '20/20/20', aumentar como mínimo nun 20% o uso de enerxías procedentes de fontes renovables e reducir nun 20% as emisións de gases de efecto invernadoiro.
Con esta medida, o Concello busca dar un paso máis no seu compromiso coas políticas ambientais e de desenvolvemento sostible.
De feito, a adhesión obriga ao Concello a elaborar un Plan de Acción que vertebre e garanta o cumprimento dos obxectivos marcados a nivel internacional para frear o cambio climático, tales como substitución de enerxías fósiles por renovables nos edificios públicos, equipamentos e transportes, mellora no tratamento de augas residuais ou mellora na xestión dos residuos sólidos.
Unha vez adheridos ao pacto, Caldas tamén deberá impulsar solucións intelixentes para afrontar os retos sociais e técnicos que implica a transición enerxética e aplicar medios que permitan avaliar con fiabilidade os resultados. Os concellos asinantes do pacto poderán acollerse a subvencións da Unión Europea, da Xunta ou da Fegamp para lograr novas infraestruturas e modernizar as xa existentes.
O alcalde, Juan Manuel Rey, mostrouse satisfeito pola adhesión, coa que o goberno local se compromete a "aportar o noso gran de area nun dos restos máis importantes da humanidade como é o cambio climático.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, engadiu que as entidades locais teñen moito que dicir fronte o cambio climático e "por iso estamos implicados para favorecer accións e estratexias que dende o contexto máis próximo contribúan a unha loita global".