O Concello de Caldas limpa a contorna das igrexas rurais coincidindo coa celebración das festas patronais
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis iniciou hai dúas semanas un programa de limpeza sistemática dos núcleos do rural, unha vez que se completou o zafarrancho de limpeza no casco urbano.
Un dos eixes deste novo programa de limpeza no rural, é o de acondicionar e limpar as contornas do patrimonio arquitectónico e cultural do municipio facendo coincidir estas actuacións coas festas patronais propias de cada parroquia.
"Xa que non pode haber moitas celebracións queremos ter un detalle coa veciñanza cunha limpeza das contornas que acollerían as festas", sinala o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González.
Este novo programa, que iniciouse hai dúas semanas coa limpeza da contorna de Santa Rita, en San Clemente, continuará coas igrexas parroquiais de Carracedo, coincidindo coa festividade de San Eleuterio e de San Clemente, aproveitando a próxima celebración de San Antonio.
Para iso, o persoal municipal procedeu ao roce e limpeza manual dos accesos a estas igrexas parroquiais, zonas de aparcamento, a súa contorna inmediata e ás áreas recreativas, carballeiras e fontes que acompañan estes conxuntos. Tamén se limpiou o núcleo de Sequeiros, en Saiar, polo que pasa a estrada autonómica do Pousadoiro que se atopaba en malas condicións con todas as súas beirarrúas invadidas polas herbas.
Así mesmo, levouse a cabo unha primeira fase en Tibo, en Santa María, núcleo polo que pasa o Camiño Portugués, que tamén está sendo obxecto dunha limpeza progresiva en todo o seu percorrido. Nas próximas semanas procederase á limpeza das contornas das igrexas parroquiais de San Andrés, Bemil, Saiar e Godos. Tamén actuarán nos principais conxuntos patrimoniais, centros sociais, áreas recreativas e en todos aqueles atractivos que poidan invitar á visita do rural caldense ou onde o requiran os veciños dos distintos núcleos, sinala o Concello.
Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, destacou o esforzo do persoal de limpeza que logo de poñer ao día, como nunca se fixo, todas as rúas, espazos urbanos, paseos e zonas verdes do casco urbano, inicia agora por primeira vez un programa de limpeza nos núcleos rurais. "O traballo é inxente pero imos intentar chegar ao máximo de lugares posibles, en coordinación co persoal do Servizo de Obras, para mellorar a calidade de vida dos veciños nos núcleos do rural, á vez que estruturamos un programa de rutas temáticas para que os visitantes coñezan o patrimonio arquitectónico e cultural de todo o municipio".
Relacionadas:
-
Caldas ampliará o acceso a Outeiro cunha nova rotonda na N-550
Por Redacción |
-
Caldas destina un millón de euros ao seu Plan de Acción Ambiental
Por Redacción |
-
Caldas completa a rede de saneamento no núcleo de Segade de Arriba
Por Redacción |
-
Caldas recupera a atención presencial nas oficinas do Concello
Por Redacción |
-
Plan de bacheo para rematar coas fochancas en todas as vías de Caldas
Por Redacción |
-
14 empresas aspiran a mellorar o firme de estradas autonómicas das comarcas de Pontevedra, O Salnés e Caldas
Por Redacción |