Case 290.000 euros van destinarse á primeira fase de saneamento de augas residuais en Paradela
Por Redacción
A primeira fase do proxecto de saneamento de augas residuais no lugar de Paradela, na parroquia de Bemil, contará cun investimento que supera os 288.000 euros, segundo informaba Manuel González, concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, do goberno de Caldas de Reis.
A obra contará cunha subvención procedente da Deputación de Pontevedra dentro do Plan Concellos 2020 e integrarase no Plan de Saneamentos do Concello caldense. O enxeñeiro Íñigo Carrasco foi o redactor do proxecto e está previsto que se acometa en tres fases coa intención de cubrir as necesidades de toda a poboación residente neste núcleo urbano, formado por 162 habitantes. Todo o proxecto contará cun orzamento de ao redor de 700.000 euros.
A primeira fase conta coa execución dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) con capacidade para este conxunto de vivendas de Paradela. Instalaranse 1.015 metros de conexións para contactar con 31 domicilios, a través das súas respectivas acometidas. Tamén se repoñerán todos os pavimentos que se vexan afectados polas escavacións, renovando o firme dos camiños de titularidade municipal.
Segundo o concelleiro Manuel González, este proxecto permitirá incrementar a calidade de vida da veciñanza, que xa conta coa renovación da rede de abastecemento de auga potable e o acondicionamento de varias fontes.
Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas, considera que con esta obra cumprirase un compromiso do goberno municipal moi demandado pola parroquia de Bemil e destacou a complexidade técnica da obra ao abordar a unión de dous núcleos separados 500 metros, ademais de conectar vivendas que se atopan espalladas en distintos puntos da aldea de maior tamaño de Caldas.
Relacionadas:
-
Caldas investirá máis dun millón de euros no saneamento das augas residuais
Por Redacción |
-
Juan Manuel Rey celebra o seu aniversario 'de marfil' na alcaldía de Caldas de Reis
Por Redacción |
-
Un proxecto piloto busca impulsar en Caldas de Reis o cultivo de oliveiras para a produción de aceite
Por Redacción |
-
Caldas destina un millón de euros ao seu Plan de Acción Ambiental
Por Redacción |