Un proxecto piloto busca impulsar en Caldas de Reis o cultivo de oliveiras para a produción de aceite
Por Redacción
Un proxecto piloto promovido por Aceites Embruxo busca pór en marcha en Caldas de Reis o cultivo de oliveiras para a produción de aceite co obxectivo de diversificar o aproveitamento forestal e xerar emprego e actividade económica no sector primario.
O alcalde, Juan Manuel Rey, o concelleiro de Medio Rural, Juan Carlos Ortigueira, e o de Comercio, Jacobo Pérez, veñen mantendo diferentes reunións coa empresa promotora co obxecto de coñecer de primeira man a iniciativa e abordar liñas de colaboración. Tamén están en contacto coas comunidades de montes, porque o proxecto ten a intención de desenvolverse en cooperación con estas entidades. Con este cometido xa lles foi presentado ás de Saiar, Paradela e Santa María. O Concello, no conxunto da iniciativa, estudaría fórmulas de colaboración con estas enrtidades.
Segundo explicaron dende Aceites Embruxo "a iniciativa pretende a recuperación do oliveiral galego como motor para a dinamización da economía e como alternativa diferente ao sustento do rural galego". Por iso, a empresa se ofrece a asesorar aos agricultores en todo o proceso de plantación co obxecto de asegurar o éxito dos seus cultivos. Os factores fundamentais a ter en conta para deseñar unha correcta plantación do oliveiral son: clima, chan, variedades e modelos de plantación.
En aras de obter a maior rendibilidade no mínimo tempo posible Aceites Embruxo encargaríase da análise do solo e do tratamento de datos climáticos da zona e a súa valoración, así como da cuantificación das necesidades do abonado, da plantación das oliveiras necesarias en función da superficie da leira, das recomendacións da variedade a utilizar, da planificación dos traballos no cultivo, etc. Tamén se encargaría do proceso de comercialización, co compromiso da adquisición das olivas segundo o seu valor de mercado. Prevese a compra de 210 oliveiras de nebulización por hectárea dunha altura aproximada de 1,50 metros que dean froito nun ano e medio.
Para o alcalde este proxecto "é moi interesante para aumentar as oportunidades no rural mediante a diversificación da produción agraria". O rexedor lembrou que Galicia foi historicamente unha zona de produción de oliveiras. Nesta liña sinalou que se trata "dun cultivo que xa se está recuperando en provincias como Lugo e Ourense e que é moi atractivo para impulsar en zonas como Caldas debido ao seu elevado potencial".
Relacionadas:
-
Caldas adiántase á celebración do Día Mundial Forestal cunha plantación de 60 cerdeiras
Por Redacción |
-
Case 290.000 euros van destinarse á primeira fase de saneamento de augas residuais en Paradela
Por Redacción |
-
Plantación de oliveiras na Tomba para obter aceite 'made in' Pontevedra
Por Redacción |