Caldas inicia a elaboración do seu propio plan de acción contra o cambio climático
Por Redacción
O Concello de Caldas inicia o proceso de redacción do seu propio Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) que se poderá facer realidade grazas á subvención de 6.000 euros recibida desde a Consellería de Medio Ambiente. Este documento estratéxico definirá os instrumentos para lograr a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro en, polo menos, un 40 % ata o 2030.
Para a elaboración do plan será necesario realizar un inventario de emisións de referencia en que se tomarán datos relacionados co consumo de enerxía ou produción de electricidade, o que proporcionará información sobre a natureza das entidades emisoras de dióxido de carbono e axustar así as accións máis adecuadas para a descarbonización do territorio municipal.
Realizaranse tamén estimacións das emisións de CO2 en base a factores de emisión como a electricidade, calefacción, refrixeración, combustibles fósiles e enerxías renovables. Analizarán tamén as emisións nos distintos sectores de actividade
A participación cidadá será tamén importante, pois os veciños poderán completar cuestionarios ou participar en grupos de traballo e intercambio de opinións.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, destacou que "o PACES será unha ferramenta fundamental para o futuro de Caldas, pois vai dirixir unha gran parte das políticas municipais que se realizarán para a mellora da eficiencia enerxética, a mobilidade sostible e a sensibilización ambiental". O alcalde Juan Manuel Rey, pola súa banda, mostrouse "satisfeito por seguir dando pasos no cumprimento dos acordos do Pacto de Alcaldes polo Clima".