Pontevedra presume de forza feminista no 25-N: "as redes que se están a tecer desde o feminismo son imparables"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
O movemento feminista pontevedrés presumiu este luns de unión e de poder mobilizador con motivo do día internacional contra as violencias machistas. Despois dunha mañá chea de actos institucionais para conmemorar este 25 de novembro, pola tarde chegou o momento de percorrer as rúas lanzando unha mensaxe clara da aposta por un "feminismo organizado e militante" na cidade.
"Hoxe e sempre, que viva a loita feminista", gritaron os manifestantes, que secundaron de forma masiva a manifestación convocada a última hora de tarde polo centro social O Quilombo a pesar de que a choiva ameazou con deslucir a convocatoria e chegaron a caer algunas pequenas gotas durante parte do percorrido.
O Colectivo Feminista Pontevedra, Galiza Nova e o colectivo Comando Mazá, creado hai escasos días na cidade, adheríronse a unha cita que, en opinión da organización demostra que "Pontevedra é unha vila mobilizada e que as redes que se están a tecer desde o feminismo son imparables".
Previamente, no mesmo lugar, a praza da Peregrina, houbera unha concentración convocada polo colectivo Comando Mazá e a partir das 20.30 a manifestación de todos os colectivos pasou a percorrer as rúas do centro da cidade.
As convocantes leron un manifesto no que amosar a "carraxe e noxo" que senten ante os continuos asasinatos machistas e ante unha "xustiza patriarcal" que consideran "cómplice de cada un dos 52 asasinatos" rexistrados en España no que vai de ano 2019.
O manifesto recolleu que o feminismo pontevedrés está farto dunhas cifras oficiais que "non se corresponden cos 94 feminicidios reais" que contabilizan diversos colectivos, xa que as estatísticais oficiais "esquecen a todas aquelas mulleres asasinadas por homes que non eran as súas parellas".
"É insoportable ver como se vai asumindo que nos matan polo simple feito de ser mulleres, e non pasa nada", denunciaron, e fixeron un chamamento a toda a sociedae para que a situación cambie. Para logralo ven "urxente" canalizar e organizar a "rabia e carraxe" e apostar pola autodefensa feminista e o traballo diario con outras mulleres, "reflexionando e medrando xuntas en espazos seguros".
A manifestación percorreu o casco urbano detrás da pancarta 'Contra o patriarcado e capital, feminismo organizado' e defendeu a necesidade da loita feminista nun momento no que "a extrema dereita e o fascismo ocupan a grella informativa branqueando e naturalizando o seu discurso de odio e en contra dos nosos dereitos e liberdades".
Ademais, denunciaron que "xa non só falamos de teito de cristal senón de chan pegañento" e reclamaron unha perspectiva feminista transversal en todos os niveis educativos e unha educación sexual nas escolas, para eliminar desde as idades máis novas os modelos de masculinidade e feminidade hexemónica.
Relacionadas:
-
"El Estado opresor es un macho violador"
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Quedada feminista o venres para repetir en Pontevedra a performance 'Un violador en tu camino'
Por Natalia Puga |
-
A Deputación amosa a súa "indignación e enfado" cos negacionistas da violencia de xénero
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Pontevedra viste de negro "como símbolo de loito e de loita" contra a violencia machista
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Presentan en sociedade unha nova asociación feminista: 'Comando Mazá'
Por Redacción |
-
Chaman ao "feminismo organizado" a manifestarse en Pontevedra contra o patriarcado e o capital
Por Redacción |