Presentan en sociedade unha nova asociación feminista: 'Comando Mazá'
Por Redacción
A Casa da Luz, en Pontevedra, acolleu este sábado a presentación en sociedade da Asociación Feminista 'Comando Mazá'.
Trátase dun colectivo, aseguraron as súas responsables, "que nace das inquedanzas dun grupo de mulleres feministas e nacionalistas galegas con base en Pontevedra". Así o expresaron como portavoces da entidade Luisa Márquez, Ana Seoane e Ana Cabaleiro.
Márquez reivindicou o "feminismo pensado desde aquí", sinalando como un dos obxectivos a divulgación da problemática xerada pola desigualdade de xénero en Galicia.
Debates, clubs de lectura, elaboración de bibliografías con temática feminista ou xornadas de formación son algunhas das actividades habituais que ofrecerán, sinalaron desde a asociación.
Comando Mazá, que se estreou ademais cunha intervención na rúa Michelena con proxeccións de frases sobre o chan, aproveitou a súa presentación para dar a coñecer o seu manifesto e imaxe, baseados na reinterpretación da mitoloxía bíblica do pecado orixinal.
A recentemente creada asociación feminista anunciou por último unha convocatoria de concentración para o vindeiro luns, 25 N, ás 20:00 horas na Praza da Peregrina, para posteriormente sumarse á mobilización convocada polo colectivo O Quilombo no mesmo lugar ás 20:30 horas.
Relacionadas:
-
Mazás na Audiencia para visibilizar as agresións machistas
Por Redacción |
-
Concentración de 'Comando Mazá' contra a agresión machista en Monte Porreiro
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Unión feminista no 25-N: "as redes que se están a tecer desde o feminismo son imparables"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Un berro ben alto contra o "terrorismo machista"
Por Redacción |
-
Chaman ao "feminismo organizado" a manifestarse en Pontevedra contra o patriarcado e o capital
Por Redacción |