A Deputación amosa a súa "indignación e enfado" cos negacionistas da violencia de xénero
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou este luns a súa "indignación e enorme enfado cos negacionistas da violencia de xénero" no acto de arranque da quinta edición do programa "Mulleres en acción. Violencia Zero", ao fío do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Neste acto Carmela Silva sinalou que "non temos que poñernos en contra soamente dos maltratadores, que tamén, senón en contra de todo o sistema machista".
A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que "hoxe é un día para recordar que a ONU ten dito que Vox e os fascistas son un perigo para a igualdade das mulleres, pero tamén os cómplices que os acompañan e compran o seu discurso".
Pola súa banda a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Paloma Castro, reafirmou o compromiso do Concello capitalino na loita contra as violencias machistas.
PERFORMANCE
O Pazo provincial acolleu a representación da performance "Pan duro I", das artistas Ana Gesto, María Marticorena, Isabel León e Ana Mateo, que por primeira vez accionaron xuntas e coa que reivindicaron a necesidade de rachar co sistema machista e patriarcal que mata ás mulleres polo mero feito de selo.
As catro artistas protagonizaron unha performance na que todas elas ían vestidas de negro e con "moletes de pan duro" adheridos ao corpo, pintados de negro e dourado, "simbolizando a desigualdade histórica que arrastran as mulleres", e remataron cunha acción sonora conxunta na que ían despoxándose os "moletes" do corpo con coitelos "símbolos do patriarcado e as súas violencias implícitas".
Esta acción artística completarase este martes no Museo Marco de Vigo coa segunda parte desta acción artística.
Relacionadas:
-
A Deputación reforza a igualdade e a loita contra a violencia de xénero nos concellos con 320.000 euros
Por Redacción |
-
Unión feminista no 25-N: "as redes que se están a tecer desde o feminismo son imparables"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Pontevedra viste de negro "como símbolo de loito e de loita" contra a violencia machista
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Cerdedo-Cotobade amosa a súa "total repulsa" ante a violencia de xénero
Por Redacción |
-
"Tolerancia cero" en Pontevedra para que a violencia machista "non siga actuando impunemente"
Por Alejandro Espiño |