Reducen a petición de condena para dous dos sete acusados no macroxuízo dos Miguelianos
Por Natalia Puga
Un total de 29 sesións de xuízo despois e tras pasar pola sala de vistas da Audiencia Provincial de Pontevedra decenas de testemuñas e peritos, este venres chegou á súa recta final o macroxuízo polo denominado caso dos Miguelianos, no que se xulgan presuntas irregularidades na Orde e Mandato de San Miguel Arcanxo, ex asociación pública de fieis agora disolta pola Igrexa.
A última sesión de práctica da proba terminou coas conclusións de todas as partes acudidas na causa e unha novidade. O fiscal do caso, Juan Pablo Martínez, modificou as súas conclusións iniciais e reduciu a pena que solicitaba para dúas das sete persoas contra os que formula acusación. Trátase de Dolores Espiñeira e Esteban Riobó, que nesta causa teñen a dobre condición de acusados e vítimas.
O fiscal pedía inicialmente para Feliciano Miguel Rosendo da Silva, suposto líder e fundador da Orde e Mandato e principal acusado, 66 anos de prisión por un delito de asociación ilícita, doce contra a integridade moral, cinco de coaccións e tres contra a liberdade sexual. Para os outros seis procesados pedia dous anos de prisión por un delito de asociación ilícita. Trátase da nai e o pai xerais da vida consagrada feminina, Ivana Lima e Esteban Riobó; os nai e pai da boa pegada, Iria Quiñones e José Carlos A.M.; a denominada fiscal da Orde, Dolores Espiñeira; e á fiscal provincial da Comisión Permanente Provincial, Belén E. F.
Tras a modificación realizada, mantén a petición de pena para todos excepto para Dolores e Esteban, a quen acusa de asociación ilícita, pero pide ao tribunal da Sección Cuarta da Audiencia que teña en conta a circunstancias eximente incompleta de afectación das capacidades intelectivas e volitivas por ter alteradas as capacidades de decisión e de vontade cando cometeron o delito no seo de Orde e Mandato.
O fiscal pide que en lugar de dous anos se lle impoñan once meses de prisión, o pago dunha multa de doce meses a razón de seis euros diarios e se lle concedan medidas de seguridade e tratamentos externos de asistencia psicolóxica para tratar esa perda das súas capacidades e a afectación psicolóxica que teñen tras o seu paso pola asociación.
O resto das partes acudidas na causa elevaron a definitivas as súas conclusións provisionais, que no caso da defensa dos acusados supón pedir a súa absolución. Ademais, ao termo da sesión deste venres, o avogado do principal acusado, Marcos García Montes, valorou a modificación das conclusións da Fiscalía como "crónica de una muerte anunciada", pois considera que existiu un pacto previo dos dous acusados afectados pola modificación e cunha das ex consagradas de Orde e Mandato que declarou como vítima.
"El pacto es más que claro", valora García Montes, que fala dun " contubernio" que, ademais considera que "va contra derecho" e que responde á "persecución da Fiscalía" que os antigos adeptos de Orde e Mandato que seguen defendendo que na asociación non había irregularidades levan denunciando moito tempo.
O avogado defensor de Feliciano Miguel Rosendo tamén pediu venres unha pequena modificación que non afecta ao seu defendido, pero si á súa esposa e os seus fillos, que empezaron este xuízo sentados no banco dos acusados porque a acusación particular atribuíalles un delito de branqueo de capitais. Pide que a Fiscalía e a acusación particular que exerce a avogada pontevedresa Ana Reguera indemnícenlle por estar investigados tres anos e sete meses. "Eso tiene que repararse, además del daño moral que se ha producido",pediu.
O xuízo retomarase o vindeiro martes 27 de novembro cos informes das partes e os acusados poderán facer uso do seu dereito á última palabra. A partir de aí, as tres maxistradas da Sección Cuarta da Audiencia deberán ditar sentenza.
Ese fallo deberá chegar contrarreloxo, pois o 11 de decembro cúmprense catro anos desde a detención de Miguel Rosendo e o seu posterior ingreso en prisión, de modo que se se supera esa data sen sentenza, vencería o prazo máximo legal en prisión provisional e debería saír en liberdade.
Relacionadas:
-
A Audiencia deixa en liberdade ao líder dos Miguelianos
Por Natalia Puga |
-
VÍDEO.- 'Alegato' final do líder dos Miguelianos: "nunca quixen que a súa liberdade fose rota"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Visto para sentenza o macroxuízo dos Miguelianos, o máis longo da Audiencia de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Dous peritos do xuízo dos Miguelianos descartan que as consagradas estean "abducidas"
Por Natalia Puga |
-
A Igrexa detectou abusos sexuais nos Miguelianos, pero non os denunciou porque os consideraban pecado, non delito
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Unha testemuña confirma que a familia Ruiz-Mateos doou 300.000 euros para unha obra dos Miguelianos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Unha ex Migueliana relata que sufriu oito anos de abusos sexuais coa escusa de purificala e curarlle un cancro
Por Natalia Puga |
-
Unha ex Migueliana relata vivencias "espeluznantes" de abusos sexuais, exorcismos, agresións e sometemento
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O líder dos Miguelianos e as súas dúas horas de "nunca" para negar actos sexuais e satánicos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |