Sito Miñanco nega ter branqueado diñeiro da droga: "Hasta 1991 no toqué nada que no fuera tabaco"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A voz de Sito Miñanco escoitouse por primeira vez nun xulgado de Pontevedra. Ante o tribunal da sección segunda da Audiencia respondeu polos dez millóns de euros, que segundo o fiscal branqueou entre 1988 e 2007 procedentes do narcotráfico, a través da adquisición de bens inmobles en Pontevedra.
No medio dunha gran expectación mediática, Miñanco quíxose desvincular da actividade da Inmobiliaria San Saturnino, sociedade que comprou ditas propiedades e á que, asegurou, nunca achegou cantidade económica algunha.
Na súa declaración ante o tribunal, o narcotraficante defendeu que "no tuve nada que ver" coa constitución desta sociedade inmobiliaria, da que se puxo á fronte como administrador "porque mi cuñada tenía mucha confianza en mí y me pidió el favor".
A preguntas do fiscal, Sito Miñanco engadiu que, ata que foi cesado como administrador en 1989, nunca tomou ningunha decisión executiva na sociedade nin comprou propiedades "por decisión mía", a pesar de que a súa firma consta nas compravenda de inmobles en diversas localidades como Cambados, Sanxenxo, Pontevedra ou Vilagarcía.
"Si mi firma está ahí fui yo, pero sería por orden de mi cuñada y sus socios", asegurou, tras sinalar que con respecto á actividade desta inmobiliaria descoñecía o seu capital social ou de onde procedían os seus ingresos.
Naquela época, relatou, a súa principal actividade era unha empresa con sede en Bélxica que se dedicaba, segundo detallou, á importación e exportación de tabaco principalmente con destino a países africanos, un negocio que asegurou que era "muy rentable" e coa que abriu unha ruta a Panamá buscando tabaco máis barato.
"Con los cigarrillos se ganaba mucho dinero", afirmou Miñanco, que reiterou que ata o ano 1991, cando foi detido pola súa relación cun alixo de 100 quilos de cocaína, "no toqué nada que no fuese tabaco".
Miñanco, que reiterou que ata o ano 1991, cando foi detido pola súa relación cun alixo de 100 quilos de cocaína, "no toqué nada que no fuese tabaco"
Desde Bélxica, asegurou, viña a España "cada semana o cada quince días" porque o seu pai estaba en fase terminal e, aproveitando esas visitas, "me daban cousas a firmar" pero asegurou non ter "ni idea" ou descoñecer que tipo de operacións realizaba a inmobiliaria co seu nome.
Ademais, Sito Miñanco tamén se desmarcou da actividade da súa ex muller, María Rosa Pouso Navazas, que se converteu na administradora da inmobiliaria tras o seu cesamento en 1989, e coa que a relación era "inexistente" desde sete anos antes, relatando todas as relacións que mantivo con outras mulleres desde que ambos cesaron a convivencia.
A este respecto, subliñou que "nunca le he dado dinero a mi exmujer ni a mis hijas" e asegurou que, ao longo dos principais anos de actividade desta inmobiliaria, non mantiña unha boa relación con ningunha elas, por mor das súas relacións coas súas outras parellas.
Non foi ata 2011, época na que comezaron os seus permisos penitenciarios, cando as súas fillas -coas que arranxara as súas diferenzas anos atrás- "le pidieron a mi exmujer que se pusiera como aval para poder salir", pero aclarou que nunca tivo un vis a vis "íntimo" coa súa primeira esposa en ningunha prisión.
María Rosa Pouso Navazas, pola súa banda, corroborou que desde a "separación física" da parella en 1982 non mantivo ningunha relación co seu ex marido "que no tuviera que ver con mis hijas" e explicou que lle revogou os seus poderes na inmobiliaria en 1989 porque "nunca sabía donde estaba", data a partir da cal asumiu ela a administración da sociedade.
A actividade desta inmobiliaria, segundo a ex muller de Miñanco, "no tiene nada de particular" e os ingresos que xeraba este negocio procedían do aluguer e compravenda de propiedades "y también teníamos seguros".
Con respecto ás achegas económicas realizadas á sociedade a título persoal, a acusada explicou que ese diñeiro procedía doutras das súas empresas, que tiña un barco e dúas tripulacións, e un parque de cultivo de ameixa e berberecho.
A iso sumou "ahorros persoales", os créditos e hipotecas solicitadas sobre diferentes inmobles ou unha indemnización recibida tras un accidente de tráfico.
A filla maior de Sito Miñanco e a súa ex cuñada, Rosa María Prado e Josefa Pouso, tamén negaron irregularidades na xestión desta sociedade inmobiliaria.
A primeira defendeu que o diñeiro co que adquiriu propiedades e varios vehículos procedía do seu traballo nuns estaleiros e, posteriormente, dos "grandes ingresos" que xeraba a cría de ostra nunha das súas bateas.
Josefa Pouso, a persoa que segundo Miñanco impulsou a creación da Inmobiliaria San Saturnino, sinalou que acabou vendéndolle a sociedade á súa irmá para dedicarse á hostalería e enmarcou os seus elevados ingresos en traballar "toda la vida" en bateas e depuradoras ou ás rendas que xeraban varios inmobles que tiña alugados.
O último dos acusados, o construtor José Alberto Aguin Magdalena, ao que o fiscal considera home de palla de Sito Miñanco, negou que o narcotraficante fixese "gestión alguna" coas súas empresas e que, en todo caso, os negocios que lle vinculan coa inmobiliaria, relacionados todos eles coa construción, foron coa súa ex muller.
O xuízo continuará mañá coa declaración dos investigadores e dos peritos que, segundo o escrito de acusación, certificarían as operacións irregulares da sociedade mediante a que se branquearon os dez millóns de euros procedentes da droga.
O avogado de Sito Miñanco, Gonzalo Boye, adiantou que algún destes peritos "tendrá que explicar muchas cosas", porque lembrou que a actividade do seu cliente naqueles anos "era legal" e está acreditada pola Facenda belga.
Os testemuños dos acusados, que desvinculan a Sito Miñanco da actividade desta inmobiliaria, "fueron muy claros" segundo o letrado, que acusou ao fiscal do caso, Jesús Calles, de estar "obsesionado" co narco galego a pesar de que "no hay nada contra él".
Relacionadas:
-
O ocaso dos vellos narcos: caen Sito Miñanco, Manuel Charlín e Tania Varela
Por Natalia Puga |
-
Sito Miñanco deféndese da acusación de branqueo: "A partir do ano 91 eu estaba preso"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un perito ve "coherentes" os patrimonios da filla e a ex de Sito Miñanco e bota por terra a acusación por branqueo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Ningún informe pericial relaciona a Sito Miñanco cun delito de branqueo
Por Oskar Viéitez |
-
Expedientan ao avogado de Sito Miñanco por fumar durante o xuízo
Por Oskar Viéitez |
-
Avogados de Sito Miñanco e a súa familia cuestionan as probas periciais para acusalos por branqueo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un perito da Axencia Tributaria considera "inxustificado" o patrimonio da inmobiliaria asociada con Miñanco
Por Oskar Viéitez |
-
Unha Interviú de 1983, documentos belgas e unha causa arquivada, eixos da nova estratexia xudicial de Sito Miñanco
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Sito Miñanco, "tranquilo" á súa chegada á Audiencia onde será xulgado por branqueo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Sito Miñanco chega ao cárcere da Lama unha semana antes de ser xulgado por branqueo na Audiencia
Por Natalia Puga |