Unha Interviú de 1983, documentos belgas e unha causa arquivada, eixos da nova estratexia xudicial de Sito Miñanco
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O histórico narcotraficante de Cambados José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, volveu este xoves na Audiencia Provincial de Pontevedra para ser xulgado por un delito de branqueo de capitais polo que xa sentou no banco dos acusados o pasado mes de febreiro, pero cuxo xuízo se suspendeu ao pedir o avogado do capo da droga a recusación, logo denegada, de dous dos tres membros do tribunal que lle ían a xulgar.
Aínda que a vista oral xa empezou en febreiro e suspendeuse o 1 de marzo, este xoves todo empezou de cero, pois xa pasaron 30 días daquela sesión e considérase que o xuízo queda suspendido e debe reiniciarse desde o principio. O fiscal discrepa deste argumento que si sosteñen os avogados do capo e dos outros catro acusados e cre que as cuestións previas xa se expuxeron hai oito meses e que este xoves non deberían empezarse a expor, pero igualmente esta nova primeira sesión centrouse na petición por parte dos avogados defensores de novas cuestións previas.
O avogado de Sito Miñanco, o mediático Gonzalo Boye, insistiu en que esta causa non debe seguir adiante e presentou ante a Audiencia unha estratexia procesual que ten dous alicerces básicos: que parte dos feitos xa se revisaron nun tribunal e foron arquivados que a outra parte xa está prescrita.
A Fiscalía atribúelle un delito de branqueo que cometeu entre 1988 e 2007, pero o seu avogado acudiu aos arquivos xudiciais de Vilagarcía e achegou documentación que lle vale para asegurar que o Xulgado de Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa xa investigou os feitos relativos ao período 1999-2007 e que ese caso arquivouse a petición do propio fiscal que agora leva esta causa, Jesús Calles, "por no ser los hechos constitutivos de delito", de modo que se debe considerar "causa xulgada". Ningunha causa pódese xulgar dúas veces.
Ademais, asegura que a causa perde todo o seu sentido porque eses feitos non poden volver xulgarse e os anteriores, ocorridos presuntamente entre 1988 e 1999, xa prescribirían. Neste momento procesual non pode pedir o sobresemento da causa, pero Gonzalo Boye explica que o fiscal queda sen causa e, por tanto, debe resultar absolto.
Ademais desa causa de Vilagarcía, a súa estratexia ten outros dous eixos documentais, un exemplar da revista Interviu do ano 1983 que o propio Sito MIñanco levaba este xoves na man á súa chegada á Audiencia e unha serie de documentación rescatada de Bélxica que acredita que nos anos nos que a Fiscalía asegura que estaba a branquear diñeiro do narcotráfico Miñanco tiña ingresos legais dunha empresa dedicada á comercialización de tabaco con sede belga. Achegou os documentos en flamenco e unha tradución xurada ao español coas actividades desa empresa, as cantidades de diñeiro que gañaba e argumentando que "era un negocio perfectamente legal y así lo tenía la administración belga".
En relación co exemplar de Interviu, Boye explicou no trámite de cuestións previas que nesa publicación de 1983 xa se fala de Sito Miñanco e de como vivía neses anos e con quen. Xa non estaba coa súa primeira esposa, hoxe acusada nesta causa, senón con outra muller, de modo que non ten sentido acusalo a el, pero, moito menos á súa esposa, que xa non estaba con el entón e resulta difícil de entender que lle dese diñeiro e branqueárano xuntos.
O fiscal rexeitou todas as cuestións previas expostas tanto polo avogado de Miñanco como polo resto dos acusados, que se basean fundamentalmente en vulneracións de dereitos fundamentais como o dereito á defensa e negou que, como sosteñen as defensas, estea a realizar unha "persecución alguna" sobre as actividades do capo e da súa familia. A Boye respóndelle que os feitos arquivados en Vilagarcía "no son los mismos" que van xulgarse nesta causa e que a prescrición non debe aceptarse, pois se trata dun branqueo "continuado" desde o ano 1988 e non puntual. De feito, tiña informes tributarios de feitos previos a 1988 que excluíu da causa porque ata ese ano o branqueo non estaba tipificado como delito no Código Penal español.
Miñanco chegou á Audiencia ás 10.00 horas deste xoves procedente do centro penal da Lama, onde leva desde o pasado mércores 17 de outubro nun módulo ordinario da prisión. Chegou nun coche patrulla da Policía Nacional e entrou pola porta principal do edificio xudicial, onde se lle puido ver unha imaxe diferente ao seu último paso pola Audiencia de fai case oito meses, visiblemente máis delgado.
No banco sentan Prado Bugallo e parte da súa familia, en concreto, a súa filla (Rosa María Prado Pouso), a súa ex esposa (María Rosa Pouso Navazas), a súa ex cuñada (Josefa Pouso Navazas); e un suposto home de palla, José Alberto Aguín Madalenas, persoa da súa máxima confianza. Este xoves, o xuízo comezou con todos os acusados proclamando a súa inocencia.
Os cinco procesados puxéronse en pé e, a preguntas do presidente da Sección Segunda, o maxistrado Xosé Xoán Barreiro Prado, indicaron que "non" se recoñecen autores dos feitos polos que lle acusa a Fiscalía, un delito de branqueo de capitais polo que pide que sexan condenados a unha pena de seis anos de prisión e 10 millóns de euros de multa cada un.
Gonzalo Boye avanzou que o narco ten intención de declarar, "no tiene por qué no", e que está "tranquilo" dentro desta situación, pois "a nadie le gusta venir a un juicio y menos que venga su hija también, pero evidentemente hay que asumir la situación y él lo tiene claro".
Relacionadas:
-
Sito Miñanco deféndese da acusación de branqueo: "A partir do ano 91 eu estaba preso"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O avogado de Sito Miñanco reprocha ao fiscal que o acuse de branqueo baseándose nun "guión televisivo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un perito ve "coherentes" os patrimonios da filla e a ex de Sito Miñanco e bota por terra a acusación por branqueo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Expedientan ao avogado de Sito Miñanco por fumar durante o xuízo
Por Oskar Viéitez |
-
Avogados de Sito Miñanco e a súa familia cuestionan as probas periciais para acusalos por branqueo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Sito Miñanco nega ter branqueado diñeiro da droga: "Hasta 1991 no toqué nada que no fuera tabaco"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Sito Miñanco, "tranquilo" á súa chegada á Audiencia onde será xulgado por branqueo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Sito Miñanco chega ao cárcere da Lama unha semana antes de ser xulgado por branqueo na Audiencia
Por Natalia Puga |
-
O xuízo por branqueo de capitais contra Sito Miñanco retomarase o 25 de outubro na Audiencia
Por Natalia Puga |