Un perito ve "coherentes" os patrimonios da filla e a ex de Sito Miñanco e bota por terra a acusación por branqueo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O xuízo por branqueo de capitais que se segue na Audiencia de Pontevedra contra o histórico narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, e parte da súa familia terminou xa a práctica de todas as probas programadas e queda tan só pendente das conclusións e informes finais das partes. Esa sesión final será o vindeiro venres 30 de novembro, pero previamente este luns houbo unha vista na que se sementaron dúbidas sobre as probas periciais usadas pola Fiscalía para soster a acusación contra o capo de Cambados.
Un dos peritos realizou un informe a petición da defensa da que primeira esposa de Sito Miñanco, María Rosa Pouso Navaza, e concluíu que o patrimonio que teñen esta muller e a súa filla, Rosa María Prado Pouso, tamén acusada nesta causa, é "coherente" cos ingresos legais e declarados que ten. Este documento contradi as teses da Fiscalía, que considera que unha parte dese patrimonio procede da actividade de narcotráfico de Miñanco.
Este especialista analizou os informes realizados pola Axencia Tributaria nos que se basea a Fiscalía para soster a súa acusación de branqueo de capitais e cuéstionaos. Entre outras cuestións, indica que no apartado de conclusións dun deses informes figura un comentario sobre un posible "desfasamento patrimonial" entre ingresos e patrimonio da inmobiliaria da familia de Miñanco en Cambados, San Saturnino. Con todo, el, tras analizar todas as contas, "non fun capaz de identificalo" (ese desfasamento).
En relación con Rosa María Prado Pouso, ademais, este perito sostén que a Axencia Tributaria ten "un erro de percepción" á hora de concluír que existe un desfasamento entre o que ingresa, o que gasta e o patrimonio que ten porque non se ten en conta que ata o ano 2005 a moza vivía coa súa nai e compartía gastos con ela e, a partir dese momento, casou e o seu marido tamén achegaba ingresos á unidade familiar.
Ademais, faise unha valoración dos gastos medios diarios da unidade familiar baseados nos baremos para Madrid e non para alguén que vive en Galicia, co custo diferente da vida nesta comunidade. Baseándose nas súas circunstancias persoais de que vivía primeiro coa súa nai e logo cun marido que tamén gañaba diñeiro e nos gastos medios da vida dunha muller galega, este perito conclúe que os seus ingresos e gastos son tamén coherentes.
Pola sala tamén pasou un perito da empresa Balmesa, que traballa como soporte técnico de Facenda e fixo unha valoración os bens dos acusados. No caso deste especialista, fixo a revisión do informe elaborado por outros compañeiros e ratificouse nel, pero o seu testemuño apenas achegou datos na sala porque non lembraba detalles do traballo ou valoracións específicas, que si figuran xa no documento que foi entregado na causa.
Ao remate do xuízo, o avogado de de María Rosa Pouso Navaza, Alejandro Vega, concluíu que o escrito de acusación da Fiscalía que levou á súa clienta a xuízo "non me parece unha acusación seria" mentres que o letrado de Sito Miñanco, Gonzalo Boye, considera que "non houbo ata o momento, e a proba xa se acabou, ninguén que dixese que detectase unha inxección de diñeiro procedente do meu cliente".
No banco sentan Prado Bugallo, a súa filla (Rosa María Prado Pouso), a súa ex esposa (María Rosa Pouso Navazas), a súa ex cuñada (Josefa Pouso Navazas), e un suposto home de palla, José Alberto Aguín Magdalenas, persoa da súa máxima confianza. A Fiscalía atribúelles un delito de branqueo de capitais que se cometeu entre os anos 1988 e 2007 polo que pide que sexan condenados a unha pena de seis anos de prisión e 10 millóns de euros de multa cada un.
Relacionadas:
-
O avogado de Sito Miñanco reprocha ao fiscal que o acuse de branqueo baseándose nun "guión televisivo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Ningún informe pericial relaciona a Sito Miñanco cun delito de branqueo
Por Oskar Viéitez |
-
Avogados de Sito Miñanco e a súa familia cuestionan as probas periciais para acusalos por branqueo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Sito Miñanco nega ter branqueado diñeiro da droga: "Hasta 1991 no toqué nada que no fuera tabaco"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Unha Interviú de 1983, documentos belgas e unha causa arquivada, eixos da nova estratexia xudicial de Sito Miñanco
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xuízo contra Sito Miñanco: cando avogado e acusado rivalizan en flashes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Sito Miñanco enfróntase a seis anos de cárcere por blanquear diñeiro do narcotráfico xunto á súa familia
Por Natalia Puga |