Concello e Xunta estudan implantar un transporte público "racional e eficiente"
Por Redacción
O Concello de Pontevedra participou este xoves nunha reunión sobre o Plan de Transporte da Xunta de Galicia no edificio administrativo de Campolongo.
O concelleiro Demetrio Gómez explicou que o Concello acudiu a esta e ás anteriores con espírito colaborador e construtivo "para conseguir un transporte racional e eficiente", aínda que recoñeceu que existen grandes diferenzas de formulación entre o que a Xunta e o Concello consideran un transporte interurbano.
Demetrio Gómez explicou que o goberno galego reenviara ao Concello un guión, que o goberno local decidiu tratar directamente cos responsables da Xunta e da empresa que está a realizar o estudo en toda Galicia, na reunión deste xoves.
O concelleiro asegurou, despois da reunión, que Pontevedra deixou claro o seu criterio: Pontevedra ten un modelo diferente ao resto de cidades de Galicia, polo que non se pode ir a un modelo uniforme para todo o territorio.
Explicou, de feito, que no centro urbano da cidade non é preciso a existencia dun transporte público entendido como "un autobús dando voltas e contaminando", pero si instou á Xunta que era preciso mellorar as frecuencias dos autobuses e mellorar a puntualidade no caso dos transportes interurbanos.
O Concello quedou á espera de que a Xunta lle traslade a proposta de reordenación das liñas actuais, aínda que dende o equipo de estudo deste plan se afirmou que serían semellantes ás actuais.
Relacionadas:
-
A Xunta descontará o custo do transporte urbano ao Concello se este non asume este servizo voluntariamente
Por Oskar Viéitez |
-
Moraña solicita máis frecuencias de transporte en bus coa capital
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello plantará á Xunta nunha reunión sobre o plan de transporte pola súa "improvisación"
Por Natalia Puga |
-
Empeza o "traballo de campo" para adaptar o plan de transporte público de Galicia "ás necesidades reais"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP esixe a adhesión de Pontevedra ao Plan de Transporte Metropolitano da Xunta
Por Paula Sanmartín & Oskar Viéitez |
-
Feijóo asegura estar convencido de que haberá transporte metropolitano en Pontevedra
Por Redacción |