Moraña solicita máis frecuencias de transporte en bus coa capital
Por Oskar Viéitez
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, expresou este venres a súa disconformidade pola postura do Concello de Pontevedra de "bloquear o proxecto da Xunta para o transporte metropolitano en bus perxudicando aos outros once municipios implicados e tamén aos veciños, comercios e negocios da capital". Por elo, solicitoulle ao goberno pontevedrés que "reconsidere" a súa postura.
A rexedora quixo deixar claro que "só nos move o sentido común e a defensa dos intereses xerais e dos veciños de Moraña" e por elo, a maiores deste proxecto, solicitouse tamén o incremento de frecuencias de transporte en bus coa capital para ofrecer un mellor servizo.
Na actualidade, Moraña conta con tres conexións diarias con Pontevedra en días laborables e outras tantas de regreso prestadas pola compañía Monbus a un prezo de 1,80 euros o billete.
"Necesitamos que se aprobe o proxecto de transporte metropolitano para que o prezo das viaxes sexa aínda máis asequible e tamén para fomentar que veciños de concellos coma o noso se despracen comodamente non só a Pontevedra, senón tamén a zonas de costa como Sanxenxo, Marín ou Bueu, xa que é progreso e xera riqueza", apuntou Piñeiro, que tamén quere completar a mellora da mobilidade do municipio a través de autobús con maiores frecuencias e conexións diarias.
Relacionadas:
-
Ethel Vázquez advirte que sen Pontevedra o plan de transporte metropolitano "non ten sentido"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Concello plantará á Xunta nunha reunión sobre o plan de transporte pola súa "improvisación"
Por Natalia Puga |
-
Concello e Xunta estudan implantar un transporte público "racional e eficiente"
Por Redacción |