No cole tamén se aprende a facer fronte á "infinidade de riscos" das novas tecnoloxías
Por Natalia Puga
As novas tecnoloxías e as redes sociais, cuxo uso está cada vez máis estendido entre a poboación, poden entrañar "infinidade de riscos" se non se lles dá un uso adecuado. Os perigos adquiren gravidade se quen as utiliza son menores de idade e máis aínda se é a idades moi temperás. Para axudar a previlos, resultan claves as actividades do denominado Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas e charlas como a que este mércores se celebrou no instituto de Meaño, a cargo do axente da Garda Civil do posto de Vilagarcía José Manuel Lustres Palmeiro.
Un grupo duns 60 escolares de segundo curso de ESO participaron na charla, 'Prevención dos riscos de seguridade asociados ás novas tecnoloxías e ao uso de redes sociais', e, segundo o axente Lustres, mostráronse moi participativos e mesmo "sorprendidos" polo contido da mesma, pois "hai cousas sobre as que non tiñan nin dea" e, sobre algúns aspectos da materia, "tiñan outras nocións das informacións que eu lles estou dando".
A tónica xeral das charlas que xa impartiu nos últimos meses en colexios de toda a comarca do Salnés é, segundo explica, que chega e atópase con escolares que "non teñen consciencia inicial do perigo", pero, a medida que avanza a actividade, van asumindo eses riscos.
Tras constatar esta situación, móstrase orgulloso de que, cos contidos que lles transmite, "vanse con coñecementos máis afianzados e un pouco máis seguros". Ademais, asegura que "non é a típica charla de que quedan aí medio durmidos", senón que "lles gusta porque aprenden cousas coas que andan a diario e interésalles".
Ao longo da charla, el explícalles "os beneficios e riscos" do uso das novas tecnoloxías e as redes sociais e, sobre todo, "as precaucións que teñen que tomar á hora de facer uso", pois considera que na actualidade os escolares inícianse "de maneira moi temperá" e "pódense atopar riscos que non saben como afrontar", tales como "ameazas técnicas, grooming, sexting ou ciberacoso de adultos sobre menores".
"Pornografía ou apoloxía do terrorismo" son outros dos perigos, aos que chegan porque utilizan tanto os aparellos electrónicos como as redes sociais "de maneira totalmente inocente", alleos á posibilidade de que "o resultado pode ser fatal".
E como facer fronte a eses riscos? No caso dos nenos máis pequenos, o axente Lustres recoméndalles nas súas charlas que "os pais deberían estar presentes cando están a facer o uso destas tecnoloxías" e, para o resto, que adopten medidas preventivas básicas como "poñer un bo antivirus". No caso das redes sociais, "que as pechen", pois "a maioría de menores teñen as redes abertas e iso leva que calquera persoa que entre use datos persoais".
"Crean vulnerabilidades evitables", asegura este garda, que engade que en todas as charlas que impartiu ata o momento aínda non se atopou a ningún alumno que recoñeza ser vítima dalgún delito relacionado coas novas tecnoloxías ou as redes sociais.
Relacionadas:
-
Atención, adolescente, a droga crea adicción e tamén pode acabar en sanción!
Por Natalia Puga |
-
"O principal perigo dos mozos coas novas tecnoloxías é que os pais lles dean barra libre no uso"
Por Natalia Puga |
-
O Plan Director da Garda Civil chegou este curso a máis de 25.000 escolares pontevedreses
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Atención, escolares, así é o día a día da Garda Civil
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Ensinan a maiores de Poio como evitar ser vítimas da delincuencia
Por Redacción |
-
Condenado a máis de 15 anos de cárcere por enganar 45 menores para obter imaxes sexuais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Ponte Caldelas analiza as redes sociais e o seu papel no espallamento dos clichés sexistas
Por Redacción |
-
"¿Con esos perros encontráis droga?"
Por Redacción |
-
Hoxe aprendemos... como traballa a Garda Civil
Por Redacción |