Hoxe aprendemos... como traballa a Garda Civil
Por Redacción
A Comandancia da Garda Civil de Pontevedra recibiu unha visita moi especial este martes: 50 alumnos de primeiro curso de Primaria do CEIP Villaverde de Mourente que tiveron a oportunidade de coñecer o funcionamento do Corpo e como se traballa nas instalacións da avenida Domingo Fontán.
Axentes das distintas unidades da Garda Civil mostraron aos escolares os medios cos que contan para o seu traballo e os seus procedementos de actuación co fin de ofrecerlles unha panorámica completa das actividades que realizan no desempeño das súas funcións.
Durante a súa visita, que se prolongou durante unha hora e media, puideron coñecer os distintos vehículos que utilizan os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, recibir pequenos consellos de seguridade vial e probar mesmo a sensación de que os sometan a un test de alcoholemia.
Os cans do servizo cinológico e as súas habilidades, a forma de traballar do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) e as interioridades do Centro Operativo de Servizos (COS), onde se atenden as 24 horas do día todas as chamadas telefónicas de emerxencias efectuadas polos cidadáns, completaron a visita, na que os escolares tamén recibiron como obsequio unha merenda nunha das dependencias da Comandancia.
Esta visita enmárcase no Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade dos centros educativos e os seus ámbitos (Instrución número 7/2013 de Secretaría de Estado de Seguridade) e dentro das actividades programadas pola Garda Civil para achegar a institución ao cidadán.