Ponte Caldelas analiza as redes sociais e o seu papel no espallamento dos clichés sexistas
Por Redacción
O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Ponte Caldelas e o posto da Garda Civil suman forzas para combater as raíces da violencia de xénero. A dúas bandas e de xeito coordinado celebran a efeméride do próximo día 25 deste mes de novembro, conxugando dous ambiciosos programas formativos dirixidos ao alumnado do Instituto de Ensino Secundario Cordo Boullosa.
Nos obradoiros, dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato, participará o persoal do CIM e tamén o sarxento do posto da Benemérita en Ponte Caldelas, Javier Márquez. No programa conflúe así a visión policial coa puramente formativa, poñendo un acento moi claro na importancia do uso responsable das redes sociais e achegando pautas de detección e reacción non só para a mocidade, senón tamén para os pais e o profesorado.
A estrea chegou onte, luns, coa primeira intervención do sarxento, Javier Márquez, quen ofrecerá unha nova sesión o próximo luns, día 21. Estas intervencións, enmarcadas no Plan Director da Garda Civil para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar, achegan unha visión de primeira liña sobre cuestións tan de actualidade como o acoso escolar, drogas e alcol, bandas xuvenís, riscos da Internet e, por suposto, violencia de xénero.
O xoves próximo, día 17, bota a andar o programa a cargo do CIM, que leva por título "Enredados", que continuará ao día seguinte, venres 18, e rematará o próximo día 29. Terá un formato totalmente interactivo para captar a atención dos estudantes. Utilizará formatos atractivos coa intención de abrir un espazo para o debate. As expertas do CIM farán apelacións á exploración dos clichés persoais e á reflexión sobre tópicos sociais aparentemente neutros en eidos como o amor romántico.
Incitarán aos participantes a atopar exemplos en contextos concretos da música, o cine ou a actualidade.
O foco de todo o traballo van ser as redes sociais como espazos nos que se crean e amplifican estereotipos de xénero e roles sexistas. Os módulos que se traballarán nos próximos días levan por título "Un espazo novo e real. Nativos dixitais", "Un par de cousas prácticas para o bo uso das plataformas sociais", "Estereotipos sociais negativos: Coidado! Poténcianse na Rede", "Amizade e parella" e "Sexismo e Violencia, acoso na rede".
O obxectivo final é educar aos mozos e mozas para un uso responsable e emocionalmente sano das redes sociais, a detección dos factores de risco, prevención de condutas sexistas e o filtrado responsable da información que chega a través destes novos formatos.
Relacionadas:
-
O PP alerta dun déficit do 70% de axentes no cuartel da Garda Civil de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
No cole tamén se aprende a facer fronte á "infinidade de riscos" das novas tecnoloxías
Por Natalia Puga |
-
O cantante de 'Aquí no hay playa' alerta en Barro das letras machistas en temas de éxito
Por Redacción |