VÍDEO.- Atención, escolares, así é o día a día da Garda Civil
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Á Garda Civil de Pontevedra chegoulle a noticia de que anda solto un malfeitor e, cando o localizan, establecen un control. Os axentes de Tráfico pídenlle a documentación, realízanlle un test de alcoholemia que dá positivo e sométeno a un cacheo. Ante as sospeitas levantadas, solicitan o apoio da unidade canina e Obi, un pastor alemán de sete anos, rastrexa o vehículo e localiza unha caixa vermella con droga.
Todo ocorre en apenas cinco minutos e ten un público de excepción: 200 escolares. O que acaba de suceder é unha recreación dun control, no que todo é simulado e non hai nin condutor bébedo nin traficante de droga, senón un axente de paisano que o interpreta, pero ben podería ser unha situación real coa que se atopan a diario os axentes das distintas unidades da Garda Civil.
Este xoves recreouse ante escolares de distintas idades dos colexios Viñas e Espedregada de Poio e Padin Truiteiro de Arcade (Soutomaior) como remate a unha xornada de portas abertas na que os alumnos tiveron a posibilidade de coñecer detalladamente a forma de traballar e os medios cos que contan o subsector de Tráfico, o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) e os técnicos especialistas en Desactivación de Artefactos Explosivos (Tedax).
A visita, enmarcada nas actividades do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos centros educativos, fixo as delicias dos escolares, que se mostraron especialmente atentos durante o simulacro do control -pódese seguir no vídeo que acompaña esta información- e, en xeral, moi interesados en coñecer o día a día das distintas unidades operativas da Garda Civil.
Os escolares chegaron á Comandancia coa visión do traballo do instituto armado moi influenciado pola ficción audiovisual e realizando preguntas como "Que pasa se poñen unha bomba nuclear e explota?" e saíron coa lección ben aprendida de que "la vida real no es como las películas" e todos os pasos previos de investigación e estudo que realizan os axentes das distintas unidades antes de realizar as súas actuacións e para garantir a seguridade individual e colectiva.
Consellos como a importancia de levar o casco cando se viaxa en bici ou moto ou de coidar o medio ambiente cando se pasa un día no campo calaron nos pequenos, que en todos os casos terminaron a súa charla ás distintas unidades cun aplauso.
Ao termo da visita, os escolares explicaron que houbo dúas actividades que lles xeraron maior interese, a de Tráfico na que tiveron oportunidade de realizar un test de alcoholemia e a dos Tedax na que coñeceron os equipos de última xeración.
Fiz, alumno de 11 anos do Padín Truiteiro, mostrouse especialmente satisfeito pola dimensión máis práctica da xornada e "poder facer o que fan os gardas civís" e valorou a visita como "moi divertida" mentres que a súa compañeira Lucía, de 12 anos, viuna "moi interesante" e fíxolle comprender que o de garda civil "é un traballo un pouco perigoso, pero é moi importante". Nin un nin o outro ven no instituto armado unha saída laboral no futuro, pero si Óscar. De pai militar, aos seus 11 anos xa pensa en ser axente da Garda Civil porque "podes protexer aos demais dos perigos e difundir xustiza".
Relacionadas:
-
O Plan Director da Garda Civil chegou este curso a máis de 25.000 escolares pontevedreses
Por Redacción |
-
O Seprona promove o respecto polo medio ambiente no CEIP Amor Ruibal de Barro
Por Redacción |
-
No cole tamén se aprende a facer fronte á "infinidade de riscos" das novas tecnoloxías
Por Natalia Puga |
-
"¿Con esos perros encontráis droga?"
Por Redacción |