A plataforma Ence Fóra solicita por escrito ao Goberno que non consolide a pasteira na ría de Pontevedra
Por Redacción
A Dirección de Costas é a canle ao que seguen remitíndose as frontes concordantes e discordantes coa continuidade do complexo industrial de Ence na ría de Pontevedra. Os últimos en entregar un escrito nestas dependencias foron os máis de trinta colectivos sociais e partidos políticos que se aglutinan ao redor da plataforma Ence Fóra.
Juan Loureiro, presidente da Federación de Asociacións de Veciños Castelao, explicou que no escrito presentado este venres 18, solicitan que: "non se tome ningunha decisión sobre a prórroga de Ence e menos neste momento cun Goberno en funcións. Entendemos que hai un prazo ata 2018 e que para entón ten que estar fóra. Levamos sufríndoa 50 anos e non podemos sufrila outros 50 máis".
Ao documento entregado á Xefatura de Costas, dáselle traslado ao Ministerio de Medio Ambiente e esperan que tamén ao propio presidente, Mariano Rajoy. Os interesados sinalaban que recibiron o compromiso da xefa de Costas, Cristina Paz Curbera, que o remitía de forma inmediata, vía correo electrónico.
O texto remitido di: "Que, tendo en consideración as alegacións dos distintos colectivos que teñen actuado como parte interesada no proceso de caducidade da concesión da empresa Ence, se reconsidere a actual posición do Servizo de Costas (e da propia Dirección Xeral de Costas) e estímense como causas da caducidade de antedita concesión todas aquelas que -é o caso do incumprimento xeralizado da esixencia concesional de que os seus vertidos non superen as 20 ppm para o parámetro DBO- non deixan lugar a dúbidas sobre tal caducidade."
Tras a entrega, representantes dos colectivos da plataforma participaron nunha repartición de panfletos no que instan a non votar aos partidos que queren consolidar Ence e Elnosa en Lourizán, citando textualmente ao Partido Popular e a Ciudadanos, que tampouco forman parte deste colectivo.
Hai que lembrar neste sentido que na devandita plataforma están adheridos partidos como BNG, PsdG-PSOE ou Marea, colectivos ecoloxistas como APDR ou entidades sociais, veciñais e culturais de Pontevedra e a súa comarca.
Relacionadas:
-
ENCE estuda a construción en Pontevedra dunha nova planta de biomasa
Por Redacción |
-
Defensa da Ría solicita a consideración como parte interesada no expediente da prórroga de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello presenta alegacións á prórroga de Ence, logo de personarse no expediente
Por Redacción |
-
Lores pide por carta a Rajoy que non aprobe a prórroga a ENCE co goberno en funcións
Por Alejandro Espiño |
-
A APDR inicia unha captación de fondos para financiar a campaña 'ENCE fóra da Ría para sempre'
Por Redacción |
-
Lores ve como "un paso máis na estratexia do PP" o aval da Xunta á Autorización Ambiental de ENCE
Por Diego Espiño |
-
Primeiro asalto de ENCE para rebatir as "principais mentiras" do 'Libro Branco'
Por Redacción |
-
Presentan o Libro branco de Ence agardando que a presión social impida a continuidade da fábrica
Por Anxo Lourido |