Máis de 150 persoas participaron na andaina polo Monte Pituco
Por Redacción
Entre 150 e 200 persoas participaron na "andaina polo Monte Pituco ao solpor" esta fin de semana, segundo informaron dende a Asociación Monte Pituco organizadora da actividade. Por primeira vez, o itinerario centrouse exclusivamente no patrimonio arqueolóxico e etnográfico do monte veciñal de San Xulián, visitando os conxuntos rupestres de Pinal de Caeiro, A Carrasca, Champás e Pornedo, catalogados como Bens de Interese Cultural, cun nivel de protección equivalente ao da catedral de Santiago.
Tamén por primeira vez levouse a cabo a experiencia de contemplar petróglifos con luz artificial, inmediatamente despois do crepúsculo. Así, no caso dos gravados de Pornedo, o público puido apreciar con total nitidez os círculos concéntricos, xunto coas figuras dunha espada e dun puñal, que foron labrados nesta laxe na Idade do Bronce.
Non só asistiu veciñanza de Marín e Pontevedra, senón tamén público procedente de Moaña, Redondela, Vigo, Baiona ou Noia, entre outras localidades, convocados maioritariamente a través das redes sociais. Entre os participantes atopábanse representantes de comunidades de montes dos arredores, colectivos ecoloxistas como Amigos da Terra e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, entidades culturais como Queremos Galego, grupos políticos como Anova e docentes de varios centros educativos marinenses.
Ademais de admirar a paisaxe da ría dende o Monte Pituco e de coñecer un valioso conxunto de xacementos prehistóricos, o roteiro tamén pasou por un antigo camiño de carro onde aínda se conservan as marcas das rodeiras, "un elemento de indubidable interese etnográfico que cómpre preservar para o coñecemento da nosa cultura tradicional e da nosa historia", salientaron.
Con estas rutas de sendeirismo, a Asociación Monte Pituco continúa reivindicando a defensa deste Espazo Natural dos Montes do Morrazo, xa que o Monte Pituco foi clasificado como solo industrial no PXOM de Marín e incluído no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia. A Asociación Monte Pituco ten interposto senllos recursos contra a intención do goberno local marinense e da Xunta de urbanizar esta zona, "causando un impacto visual irreversible en toda a ría e con graves afeccións no medio ambiente e no patrimonio histórico catalogado".
Por iso, dende a Asociación Monte Pituco empraza ao Concello de Marín e á Comunidade de Montes de San Xulián, como propietaria dos terreos, a respectar este espazo e a sumarse á iniciativa das comunidades de montes veciñas de Lourizan e de Salcedo, que van apostar pola sinalización e posta en valor dos elementos incluidos no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
Relacionadas:
-
Propoñen converter a Marín nun "referente do sendeirismo"
Por Redacción |
-
Organizan un roteiro a pé polo Pituco
Por Redacción |
-
Vertedura altamente contaminante no Monte Pituco
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Os rapaces do colexio A Carballeira plantan árbores no monte comunal de Lourizán
Por Redacción |
-
O Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños faise realidade
Por Redacción |
-
Organizan unha andaina polas carballeiras de Pastoriza
Por Redacción |
-
Percorrido polo Monte Pituco de Marín para evitar a construción dun polígono industrial
Por Redacción |
-
Save The Salamanders inicia unha campaña contra o polígono de Monte Pituco para salvar a Saramaganta rabilonga
Por Redacción |
-
Abren expediente administrativo pola vertedura ilegal de rodas en Lourizán
Por Redacción |