Vertedura altamente contaminante no Monte Pituco
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Asociación Monte Pituco fixo pública a súa máis firme condena contra os responsables da vertedura "altamente contaminante" que foi localizada esta semana na pista forestal, no cruce do sendeiro que conduce hacia o conxunto rupestre do Pornedo, clasificado como Ben de Interese Cultural (BIC).
"Produtos químicos e materiais de construcción conforman este destrutivo bazar que, por riba, foi depositado xusto enriba da zona na que están soterradas as mangueiras do subministro de auga para os veciños e veciñas da Laxe", e nas proximidades do manancial natural que abastece os habitantes dos lugares da Pena e do Caeiro para consumo doméstico e de regadío, segundo describiron.
Esta agresión foille notificada telefonicamente ao Concello de Marín, e xa ten constancia dela a Policía Local, que rodeou con cinta o perímetro da zona afectada.
Esta asociación ten constancia de que a Comunidade de Montes de San Xulián tamén ten coñecemento deste acto, "máis que vandálico, delictivo". A Asociación Monte Pituco, logo de tomar imaxes dos materiais abandonados, vaise dirixir por escrito ao Seprona, á propia Comunidade de Montes e ao Concello de Marín para formalizar unha denuncia.
Caldeiros de pintura plástica, botes de disolvente, materiais para impermeabilizar superficies, aditivo para morteiro, cemento en pó, aceites usados, caixas de cartón e outros residuos están á intemperie dende o pasado xoves ou venres, cando se estima que se produciu este ataque ao monte veciñal, ao medio ambiente e ao patrimonio natural e cultura da parroquia de San Xulián.
Foi identificada a persoa responsable desta agresión tralas averiguacións realizadas pola Policía
Non son os únicos vertidos atopados nos últimos tempos: a estes refugallos tan prexudiciais e nocivos, hai que engadir outros como sofás vellos que foron tirados na cuneta da pista forestal, entullos e restos de obra cos que os desaprensivos enchen as fochancas que presenta este deteriorado vial, rodas de automóbil, restos de poda e lixo común afean a contorna e ofrecen unha imaxe negativa que desentoa drasticamente coa beleza paisaxística desta paraxe, tan apreciada pola veciñanza que acode ao Monte Pituco para practicar deporte e sendeirismo.
A alcaldesa de Marín e a concelleira de Medio Ambiente informaron a esta asociación que a vertedura vai ser retirada este martes por unha empresa especializada, ao tratarse de produtos químicos. Tamén informaron que foi identificada a persoa responsable desta agresión tralas averiguacións realizadas pola Policía, en base ás mostras que tomaron os axentes e ás probas que se atoparon no lugar dos feitos.
Dende a Asociación Monte Pituco agardan que lle impoñan unha sanción exemplar.